Falece Xesús Alonso Montero, Fillo Adoptivo de Lugo e referente da cultura galega

O intelectual e poeta, que presidiu a Real Academia Galega entre 2013 e 2017, faleceu aos 97 anos deixando unha pegada imborrable na cidade e na educación
Xesús-Alonso-Montero,-Fillo-Adoptivo-de-Lugo
12 Feb 2026

O Fillo Adoptivo de Lugo, Xesús Alonso Montero, faleceu este xoves, 12 de febreiro de 2026, aos 97 anos, deixando atrás unha traxectoria extraordinaria como poeta, intelectual e mestre da lingua galega.

Nado en Vigo en 1928, Alonso Montero estableceu un forte vínculo con Lugo ao chegar en 1960 para impartir docencia no IES Lucus Augusti e na Escola de Maxisterio, onde ensinou durante máis de 15 anos. Durante este tempo, formou a xeración de estudantes que renovou a vida cultural lucense e consolidou a súa figura como mestre, defensor da lingua galega e referente intelectual.

Entre 2013 e 2017, exerceu como presidente da Real Academia Galega, e a súa extensa obra ensaística converteuno nunha referencia clave para comprender a evolución da literatura e do pensamento galego contemporáneo. A súa voz firme e crítica marcou varias décadas e situouno como un referente ético e intelectual.

En novembro de 2025, o Concello de Lugo nomeouno Fillo Adoptivo da cidade en recoñecemento á súa contribución á educación pública, á cultura e á identidade galega, así como pola súa fonda vinculación coa cidade, da que chegou a afirmar: “A miña patria é Lugo”, unha frase que resume o seu compromiso e afecto pola urbe que acolleu gran parte da súa vida.

O Concello de Lugo, en nome de toda a Corporación municipal e da cidadanía, trasladou o seu fondo pesar pola perda dun dos pensadores máis destacados do último século e expresa as súas condolencias á familia, amizades, discípulos e á comunidade académica, comprometéndose a preservar a súa memoria como parte da historia cultural da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.40919494628906