Familia e colectivos de memoria reclaman o recoñecemento de Celso de Poulo en Gomesende

Familiares, veciñanza das comarcas da Limia e Celanova e varias asociacións memorialistas lembraron xunto ao Memorial do Furriolo o último alcalde republicano de Gomesende, asasinado hai nove décadas, e esixiron verdade, xustiza e reparación para todas as vítimas dos paseos
mural-memorial-do-furriolo
19 Aug 2026

Xunto ao Memorial do Furriolo, obra do artista Xosé Vizoso inaugurada en 2006, celebrouse onte un acto en lembranza de Celso de Poulo e de todas as vítimas dos paseos acontecidos naquel lugar entre 1936 e 1937. Á homenaxe acudiron familiares do que fora último alcalde republicano de Gomesende —asasinado hai 90 anos, o 18 de agosto, despois de ser sacado do cárcere de Celanova—, veciñas e veciños das comarcas da Limia e Celanova, e representantes das asociacións Amigos da República, Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

Durante o acto recitáronse poemas de Luís Pimentel, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luis Méndez Ferrín en lembranza das vítimas da represión, ademais dun texto escrito por un amigo de Celso de Poulo, coñecido como Pepiño de Gomesende, que a familia conserva como un dos testemuños máis prezados sobre un home querido e respectado en toda a comarca. Celso de Poulo exercía como deputado provincial no momento do golpe de Estado, mantívose leal á República e ese compromiso custoulle a vida.

A familia agradeceu publicamente o xesto de respecto da veciñanza, apoiou o traballo dos colectivos de memoria, puxo en valor a oportunidade de contribuír a consolidar a data conmemorativa da Galiza Mártir, e reiterou a súa reclamación de verdade, xustiza e reparación para todas as vítimas.

Pola súa banda, as asociacións participantes comprometéronse a reivindicar o recoñecemento do Furriolo como lugar de memoria e a iniciar as xestións para lograr o recoñecemento institucional da figura de Celso de Poulo en Gomesende, onde, noventa anos despois, segue sen recibir o recoñecemento público que consideran merecido.

Tras o acto no Furriolo, os participantes desprazáronse ao cemiterio de Sorga, onde no seu día fora soterrado o corpo de Celso de Poulo, recuperado pola familia dunha gabia e trasladado definitivamente a comezos dos anos oitenta ata Poulo. En Sorga hai unha fosa recoñecida oficialmente, mais aínda pendente de investigación para esclarecer a identidade das persoas alí enterradas.

En canto ao propio Memorial do Furriolo, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova advertiu de que será necesaria unha nova rehabilitación, cinco anos despois da última intervención, realizada en 2021 polo propio autor da obra, Xosé Vizoso —falecido o ano pasado—, e financiada con fondos propios xunto coa colaboración do Concello da Bola.

0.34947800636292