Familias, docentes e sanitarios trasladan ao PSdeG as súas críticas ao proxecto de Lei de Educación Dixital de Galicia

Os colectivos mantiveron unha reunión no Parlamento de Galicia co voceiro de educación socialista para trasladarlle as súas preocupacións sobre o proxecto de Lei que tramita a Xunta
reunion-colectivos-educacion-aitor-bouza
17 Jul 2026

Representantes de Adolescencia Libre de Móbiles, do programa Escola Saudable de Ecoloxistas en Acción e da Asociación Educación Activa mantiveron este martes unha reunión no Parlamento de Galicia co portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, para trasladarlle as súas preocupacións sobre o proxecto de Lei de Educación Dixital que tramita a Xunta.

As entidades presentaron ao deputado un documento con 30 consideracións nas que cuestionan os fundamentos da futura norma e alertan de que non incorpora as recomendacións formuladas por organismos científicos e sociedades profesionais dos ámbitos da medicina, a psicoloxía e a educación. Segundo sinalan, o texto lexislativo non ten en conta as evidencias existentes sobre os efectos do uso temperán das pantallas na aprendizaxe, a saúde e a privacidade da infancia e da mocidade.

Durante o encontro, as organizacións expuxeron que diversos informes e estudos internacionais relacionan un maior uso das pantallas nas aulas cun peor rendemento académico, ademais de advertir de posibles impactos sobre a concentración, a memoria, a lectoescritura, o desenvolvemento da linguaxe e a capacidade de aprendizaxe profunda.

Tamén alertaron dos efectos que, ao seu xuízo, pode ter a exposición temperá ás pantallas no neurodesenvolvemento e na saúde física e mental dos menores, citando cuestións como problemas de atención, dificultades na regulación emocional, alteracións do sono, ansiedade, depresión ou condutas adictivas.

As entidades defenderon que o proxecto de lei é incompatible coas recomendacións da Asociación Española de Pediatría e doutras sociedades científicas, que apostan por limitar o tempo de exposición ás pantallas segundo a idade, atrasar o acceso aos teléfonos intelixentes e ás redes sociais ata os 16 anos e fomentar a educación dixital sen necesidade de introducir ao alumnado como usuario habitual de dispositivos e plataformas.

Outro dos aspectos abordados foi a protección da privacidade. Os colectivos criticaron que a futura norma continúe permitindo o uso de servizos dixitais de grandes compañías tecnolóxicas nos centros educativos e reclamaron unha transición progresiva cara a ferramentas baseadas en software libre e sistemas que garantan un maior control dos datos persoais do alumnado.

Durante a reunión tamén expuxeron exemplos de medidas adoptadas noutros territorios europeos e comunidades autónomas para reducir a presenza das pantallas nas aulas, especialmente nas etapas educativas máis temperás.

Pola súa banda, Aitor Bouza mostrou interese por coñecer de primeira man as demandas e recomendacións trasladadas polos colectivos e comprometeuse a analizar as súas propostas no marco da tramitación parlamentaria da Lei de Educación Dixital de Galicia.

0.3136899471283