Fanfarria Taquikardia e Mekanika Rolling Band levarán este sábado a súa música a Tui

Tui
Os dous grupos actuarán na rúa Compostela a partir das 21.30 horas dentro da programación da Festa do Miño e do programa provincial +Música
fogos-artificiais-festas
15 Aug 2026

Tui acollerá este sábado, 15 de agosto, os concertos de Fanfarria Taquikardia e Mekanika Rolling Band, incluídos na nova edición de +Música, o programa da Deputación de Pontevedra destinado a apoiar a programación cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes e a promover a lingua e a cultura galegas.

As actuacións desenvolveranse na rúa Compostela a partir das 21.30 horas, dentro da programación musical da Festa do Miño.

Fanfarria Taquikardia naceu a mediados de 2011 da unión de músicos procedentes de diferentes puntos de Galicia e vinculados tamén a outras formacións do panorama musical. O grupo xurdiu coa intención de levar máis lonxe as súas inquietudes relacionadas coa música balcánica.

A súa proposta combina elementos do folk centroeuropeo con ritmos balcánicos e influencias klezmer, aos que engade pinceladas jazzísticas e referencias a bandas sonoras de series e películas.

Pola súa banda, Mekanika Rolling Band desenvolverá en Tui o seu espectáculo de animación de rúa e charanga, caracterizado pola enerxía da música en directo e a incorporación de efectos visuais. A formación presenta unha proposta baseada en músicas tradicionais e balcánicas.

As dúas actuacións forman parte das 93 previstas no programa +Música entre os meses de maio e decembro. En total, a iniciativa chegará a 58 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes.

O programa conta cun orzamento de 700.000 euros, destinado pola Deputación de Pontevedra a asumir os cachés dos espectáculos. A través desta iniciativa, o organismo provincial pretende descentralizar a actividade cultural e facilitar a programación de propostas de calidade por distintos puntos da provincia, ao tempo que impulsa a consideración de Pontevedra como destino cultural.

0.35400390625