Felipe VI entrega na Escola Naval de Marín os despachos a 125 novos oficiais da Armada

O rei Felipe VI presidiu este xoves na Escola Naval Militar de Marín o acto de entrega dos reais despachos de emprego a 125 alumnos que culminaron a súa formación e pasan a incorporarse como alféreces de navío e tenentes da Armada.
O monarca chegou ao patio de armas ao mediodía, onde foi recibido pola ministra de Defensa, Margarita Robles, e polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Tras recibir honras de ordenanza e pasar revista ao batallón de alumnos, saudou ás autoridades civís e militares presentes antes de presidir a cerimonia desde a Tribuna Real.
O acto incluíu unha oración de acción de grazas e a interpretación da Salve Mariñeira por parte dos alumnos, coincidindo coa festividade da Virxe do Carme, patroa da xente do mar.
Durante a cerimonia, Felipe VI entregou os despachos aos alumnos que acadaron o número un das súas promocións e impúxolles a Cruz do Mérito Naval con Distintivo Branco. Os distinguidos foron Lucas Rodríguez Castillo, Javier Placer Martínez, José María Martín Calvo, Laura Llinares Crespo, Francisco Javier Vega Arance e Consuelo Ponce Torti.
Pola súa banda, o almirante xeral xefe do Estado Maior da Armada, Antonio Piñeiro Sánchez, fixo entrega dos despachos a dous alumnos estranxeiros procedentes de Perú e Tailandia. Ademais, Alfonso Rueda entregou un sabre a Lucas Rodríguez Castillo, primeiro da promoción do corpo xeral da escala de oficiais.
No seu discurso, o director da Escola Naval, Tomás Clavijo Rey-Stolle, destacou a evolución persoal e profesional dos novos oficiais e definiunos como persoas “valentes e xenerosas”, lembrándolles que agora comeza unha nova etapa ao servizo da Armada e de España.
A promoción está integrada por 125 alumnos, dos que 109 son homes e 16 mulleres. Entre eles figuran oficiais do corpo xeral, infantaría de mariña, intendencia e enxeñeiros.
Ao acto asistiron arredor de 3.400 convidados, ademais de numerosas autoridades civís e militares. A principal ausencia desta edición foi a do buque escola Juan Sebastián de Elcano, que se atopa navegando cara a Cádiz tras completar o seu 98º cruceiro de instrución e participar nos actos do 250 aniversario da independencia dos Estados Unidos.