Fene, Santiago e Dodro renderán homenaxe a Moncho Reboiras no 50 aniversario do seu asasinato

A Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Terra e Tempo, a Fundación Galicia Sempre, a CIG, os concellos de Fene e Dodro e a Comisión Organizadora do 50 aniversario impulsarán os días 11 e 12 de agosto un amplo programa de actividades para homenaxear a Xosé Ramón "Moncho" Reboiras Noia, coincidindo coa conmemoración dos cincuenta anos do seu asasinato a mans da ditadura franquista.
As actividades arrancarán o luns 11 de agosto en Fene coa inauguración, ás 13.00 horas, dun monólito dedicado á súa memoria no Paseo Marítimo de San Valentín. No acto participarán o presidente da Fundación Moncho Reboiras, Suso Seixo; o presidente da Fundación Terra e Tempo, Francisco Rodríguez; e a alcaldesa de Fene, Sandra Permui.
Xa pola tarde, ás 19.00 horas, Compostela acollerá unha homenaxe pública na Carreira do Conde. O acto contará coa intervención do historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez, da profesora de Historia xubilada Encarna Otero, do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e da concelleira de Cultura, Turismo, Educación e Memoria Histórica de Santiago, Míriam Louzao.
O programa continuará o martes 12 de agosto en Dodro. Ás 12.00 horas celebrarase unha ofrenda floral no cemiterio de Imo e, unha hora máis tarde, na Eira da Lavandeira, terá lugar o acto institucional no que a familia de Reboiras recibirá o título de Fillo Predilecto do Concello de Dodro, un recoñecemento aprobado polo consistorio para destacar a súa traxectoria e legado.
Moncho Reboiras está considerado unha das figuras máis relevantes do nacionalismo galego contemporáneo e do movemento obreiro en Galicia. Entre outras responsabilidades, foi impulsor da Fronte Obreira da UPG e participou na creación das primeiras estruturas organizativas do sindicalismo nacionalista galego, un proceso que acabaría desembocando anos despois na creación da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Na madrugada do 12 de agosto de 1975, Reboiras foi abatido por axentes da ditadura franquista en Ferrol durante un amplo operativo policial. A súa morte converteuno nun símbolo da loita polas liberdades democráticas, os dereitos da clase traballadora e a defensa da identidade nacional galega.
As entidades organizadoras destacaron que estes actos pretenden manter viva a súa memoria e reivindicar a súa figura nun momento no que, segundo denuncian, se produciron ataques e intentos de desprestixio contra o seu legado. Neste sentido, tamén lembraron os actos vandálicos sufridos pola escultura dedicada a Reboiras en Santiago de Compostela e as declaracións realizadas por representantes políticos que cuestionaron a súa figura.