Fiestra Aberta, unha xanela sonora á diversidade musical

O ciclo musical ofrecerá de marzo a maio seis concertos con novos proxectos de Antía Muíño, SÉS, Rocío Márquez, Xan Campos, Pablo Sanmamed e Su Garrido Pombo
Fietra Abierta
10 Feb 2026

Compostela Cultura presenta Fiestra Aberta, un ciclo de concertos que convida á escoita atenta e ao encontro entre a creación galega e outras voces singulares do panorama estatal e internacional. Antía Muíño, SÉS, Rocío Márquez, Xan Campos, Pablo Sanmamed e Su Garrido Pombo conforman o cartel dun primeiro bloque de programación que se desenvolverá entre marzo e maio, e que se prolongará até final de ano con novas propostas.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou o ciclo na compaña de Antía Muíño e Su Garrido Pombo. A proposta inspírase simbolicamente na “fiestra aberta” evocada por Rosalía de Castro, como convite a deter o ruído e escoitar o mundo desde Santiago de Compostela en diálogo co exterior.

Concibido como un espazo de intercambio e resonancia, Fiestra Aberta pon o foco na exploración do íntimo como territorio creativo e político, na palabra poética como ferramenta de coñecemento e na música como linguaxe común capaz de atravesar fronteiras, xeracións e tradicións. O ciclo insírese tamén na vontade de reforzar Santiago como cidade rosaliana e como referente cultural europeo.

Promovido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, o ciclo conta co apoio do Consorcio de Santiago.

Un mapa de voces e resonancias

A programación desenvolverase no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal cun total de seis concertos que percorren linguaxes diversas, nas que dialogan tradición e contemporaneidade, memoria e experimentación.

O ciclo abrirase o 5 de marzo, ás 20.30 horas, no Teatro Principal, coa presentación de Anfibia por veces de Antía Muíño, un traballo no que a artista afonda na súa linguaxe entre a música de raíz e o jazz-pop.

O 21 de marzo, ás 20.00 horas, no Auditorio de Galicia, será a quenda de SÉS, que presenta Nadando na incerteza, un directo centrado na esencialidade da canción e no protagonismo da palabra.

O 11 de abril, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia, actuará Rocío Márquez, acompañada á guitarra por Pedro Rojas-Ogáyar, coa proposta Himno vertical, unha reinterpretación ritual do réquiem desde unha dimensión colectiva.

O 22 de abril, ás 20.30 horas, no Teatro Principal, Xan Campos presentará Amorodios, un proxecto que incorpora voz e palabra coa colaboración de Faia Díaz, Iago Fernández e Virxilio Da Silva.

O 3 de maio, ás 20.30 horas, no Teatro Principal, será a quenda de Pablo Sanmamed, que presentará A estrela mostrada, un traballo que dialoga entre música medieval e jazz contemporáneo a partir da lírica galego-portuguesa.

O ciclo pecharase o 29 de maio, ás 20.30 horas, no Teatro Principal, con Traspielas de Su Garrido Pombo, unha proposta multidisciplinar que combina música, palabra e imaxe arredor da memoria colectiva dunha aldea.

⚙ Configurar cookies
0.30250978469849