Fillas de Cassandra publicará este ano ‘Tertúlia’, o seu segundo disco

Regresan Fillas de Cassandra. O proxecto formado por Sara Faro e María SOA vén de anunciar a través dun vídeo publicado nas súas redes sociais que ao longo deste 2026 verá a luz o seu segundo disco, titulado Tertúlia.
O novo LP, producido por Çantamarta xunto coas propias integrantes do dúo, propón un convite á desobediencia e á recuperación do encontro como acto político. Nun contexto marcado pola fragmentación da comunidade, sentar a falar, compartir e escoitar convértese nun xesto cargado de significado.
En Tertúlia conflúen conversas, chamadas, pensamentos en voz alta, cortes, repeticións, risas e voces que se superpoñen, construíndo un espazo sonoro que remite aos lugares de encontro, confesión e celebración colectiva. O disco amplía o universo instrumental de Fillas de Cassandra e ensancha os límites da súa característica sonoridade percutiva.
A proposta supón un paso adiante na exploración da electrónica contemporánea, na experimentación vocal e no traballo coas harmonías, liñas xa presentes no EP Hibernarse, pero agora desenvolvidas cunha escrita máis afiada e unha composición máis arriscada e incisiva.
O primeiro adianto de Tertúlia poderá escoitarse a partir do vindeiro 30 de xaneiro nas principais plataformas dixitais. O sinxelo chegará acompañado dun videoclip rodado en Vigo, dirixido por Santi Iglesias, Sergio Steel e polas propias Fillas de Cassandra, seguindo a liña estética da peza audiovisual coa que esta mañá se fixo público o anuncio.