Firmado o convenio que permitirá a atención psicolóxica das vítimas da violencia de xénero

Inclúe tamén a continuidade do programa Abramos o Círculo destinado a axudar a homes con condutas violentas
violencia-de-xenero
22 Jul 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez, asinaron o convenio mediante o cal a Xunta destina 460.000 euros á entidade, para seguir ofrecendo atención especializada ás vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas.

Esta colaboración entre a Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía permitirá acompañar, asesorar e atender a 1.600 mulleres, que se sumarán ás máis de 16.000 vítimas que recibiron axuda desde o 2009.

O acordo permitirá tamén manter a quenda de garda psicolóxica permanente, un servizo fundamental nos casos de emerxencia e que funciona desde o momento no que se interpón a denuncia. Así mesmo, a sinatura deste convenio garante tamén a continuidade do programa de intervención Abramos o Círculo, orientado a homes e mozos con condutas violentas e que ten como obxectivo reverter estas tendencias con axuda psicolóxica profesional.

Fabiola García lembrou que Galicia conta cunha das maiores redes de recursos para a sensibilización, a prevención e a detección fronte á violencia de xénero do país, que se complementa con servizos específicos para a protección de todas as vítimas. Deste xeito, puxo en valor a sinatura deste convenio como “un reforzo esencial para seguir axudando a todas as mulleres que o precisan” e favorecendo a súa recuperación.

0.32513117790222