Fiscalía abre dilixencias para investigar a denuncia presentada por Pacto Frente Eólicos sobre a xestión do Concello do Saviñao

A plataforma asegura que a investigación está en marcha tras apreciar indicios de posibles delitos contra a Administración Pública e afirma que xa se practicaron as primeiras dilixencias
Imaxe recurso de eólicos
4 Aug 2026

A Fiscalía abre dilixencias de investigación tras a denuncia presentada pola plataforma Pacto Frente Eólicos a comezos do pasado mes de marzo en Madrid por presuntos delitos contra a Administración Pública relacionados coa xestión do Concello de O Saviñao.

Segundo explica o colectivo nun comunicado, a denuncia foi admitida a trámite despois de que a Fiscalía apreciase indicios dos posibles delitos denunciados. A plataforma sinala que a investigación permanece aberta e que xa se realizaron as primeiras declaracións de ratificación, ademais de achegarse información adicional solicitada polo Ministerio Fiscal.

Pacto Frente Eólicos indica que toda a documentación recompilada foi remitida ao xulgado competente para que continúe a tramitación do procedemento conforme considere oportuno.

A plataforma sitúa o inicio das dilixencias a principios do mes de xuño e afirma que a apertura da investigación coincidiu coa data na que, segundo sostén, varios veciños e veciñas do Saviñao perderon o acceso ás redes sociais do Concello.

No comunicado, o colectivo vincula este feito co que considera unha falta de transparencia na xestión municipal e critica o modelo de goberno do executivo local, integrado por PP e PSOE, ao que acusa de limitar o acceso de parte da cidadanía á información difundida a través das canles institucionais e denuncia ter sufrido presións persoais durante os últimos meses.

Respecto do contido da denuncia, Pacto Frente Eólicos afirma que as dilixencias de ratificación se centraron especialmente en actuacións atribuídas ao alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, relacionadas con presuntos delitos como tráfico de influencias, coaccións, malversación de fondos públicos e prevaricación.

A plataforma conclúe o seu comunicado sostendo que lle corresponde á investigación xudicial esclarecer os feitos denunciados.

0.34544205665588