Fiscalía de Galicia reforza o seguimentos dos menores non acompañados reubicados na Comunidade

A Fiscalía Superior de Galicia está reforzando a coordinación e o seguimento dos menores estranxeiros non acompañados que están a ser reubicados na Comunidade Autónoma de Galicia no marco da situación de continxencia migratoria extraordinaria.
Na actualidade, 90 menores se atopan en Galicia tras os procesos de reubicación, unha situación que está a esixir unha resposta coordinada por parte das distintas administracións e do Ministerio Fiscal, co obxectivo prioritario de garantir a protección efectiva de cada neno, nena e adolescente. Dos 90, 89 proceden de Canarias e 1 menor de Ceuta.
O decreto ditado pola Fiscalía da Comunidade Autónoma de Galicia o 6 de xullo de 2026, no marco do Expediente Gobernativo 99/2025, recollía xa a chegada a Galicia de 71 menores procedentes de comunidades autónomas en situación de continxencia migratoria.
A Fiscalía Superior considera esencial que esta situación extraordinaria se aborde desde unha perspectiva de protección integral do menor, garantindo en todo momento o seu interese superior e o cumprimento das obrigas que corresponden ás administracións responsables da súa protección.
O decreto lembra que o Ministerio Fiscal debe exercer a súa función de superior vixilancia e control sobre a actuación das entidades públicas responsables da protección dos menores e destaca a necesidade de garantir a coordinación e colaboración entre a Fiscalía e as institucións encargadas da súa tutela.
Un sistema de seguimento para garantir a protección
A Fiscalía Superior considera necesario establecer pautas de supervisión periódica que permitan coñecer a evolución dos expedientes e detectar de maneira temperá calquera situación de risco.
Para iso, está prevista unha reunión de coordinación entre as seccións de Menores das fiscalías das comunidades autónomas en situación de continxencia migratoria e as seccións de Menores de Galicia.
O decreto contempla tamén a utilización das aplicacións informáticas actualmente en funcionamento para establecer un sistema de alertas asociado ao rexistro dos expedientes, co obxectivo de facilitar o seu seguimento e valorar a actuación das institucións administrativas competentes e a eventual situación de risco na que poidan atoparse os menores.
A Fiscalía Superior de Galicia considera que, ante unha situación de carácter extraordinario, a resposta institucional debe ser coordinada, áxil e rigorosa, situando sempre no centro da actuación pública o interese superior de cada neno, nena e adolescente.
A actuación do Ministerio Fiscal ten como finalidade asegurar que todos os menores reciban unha adecuada acollida e protección, que os seus dereitos sexan plenamente respectados e que exista un seguimento efectivo da súa situación durante todo o proceso.
Coordinación entre as fiscalías
A actuación da Fiscalía Superior busca reforzar tamén a coordinación entre as seccións de Menores das fiscalías das comunidades autónomas de procedencia e as de Galicia, como comunidade autónoma de reubicación.
Neste sentido, solicitouse ás Fiscalías delegadas de Menores información sobre cuestións fundamentais para garantir a protección dos menores: a apertura de dilixencias preprocesuais, a súa adecuada acollida e atención inmediata, a adopción das medidas de protección necesarias, a súa documentación e os procedementos para a obtención da autorización de residencia.
O decreto reclama igualmente información sobre os menores procedentes de Canarias que se atopan en situación de acollida de protección internacional, incluíndo o recurso residencial no que foron incorporados, o número de tutela vixente e as actuacións realizadas para garantir a supervisión e control que corresponde ao Ministerio Fiscal.