Fly2Galicia asina un acordo con White Airways para operar todos os seus voos desde Santiago

Fly2Galicia contratou a operación de todos os seus voos comerciais desde o aeroporto de Santiago de Compostela coa compañía aérea portuguesa White Airways. O acordo estratéxico supón unha mellora na operativa da empresa galega, tanto pola proximidade dos centros de mantemento da aeroliña portuguesa, situados en Portalegre e Madrid, como pola súa experiencia no mercado español e nos servizos de alugueiro de aeronaves con tripulación, mantemento e seguro (ACMI).
White Airways conta cos certificados aéreos, procedementos e sistemas de control necesarios para cumprir cos estándares internacionais de seguridade. Entre eles figura a certificación IOSA da Asociación Internacional de Transporte Aéreo (IATA), unha auditoría de referencia en materia de seguridade operacional. A compañía tamén dispón dun sistema de xestión da seguridade operacional, ferramentas de seguimento e análise de datos de voo e unha organización técnica certificada PART-CAMO para a xestión da aeronavegabilidade.
O acordo con White Airways substitúe o anunciado anteriormente coa compañía romanesa Flyyo. Segundo informou Fly2Galicia, este cambio de operador non afectará ás reservas realizadas ata o momento, polo que os clientes que xa adquirisen os seus billetes non terán que realizar ningunha xestión adicional.
A través desta nova alianza, Fly2Galicia conectará Santiago de Compostela con tres destinos españois, Alicante, Granada e Zaragoza, e cinco cidades europeas: Bruxelas, Milán, Múnic, Praga e Venecia. As conexións comezarán o próximo 1 de decembro e ofrecerán un total de 17 voos directos semanais.
A empresa galega desenvolve un modelo de negocio baseado na fórmula ACMI ou wet lease, utilizada habitualmente na aviación comercial internacional. Mediante este sistema, Fly2Galicia contrata os servizos dunha compañía aérea que achega as aeronaves, as tripulacións, o mantemento e os seguros necesarios para realizar as operacións.
Deste xeito, Fly2Galicia encárgase da actividade comercial, do deseño da oferta de voos, da venda dos billetes e da relación e atención aos clientes, mentres que White Airways asume a operación aérea e as responsabilidades relacionadas coa seguridade, ademais dos medios operativos e dos servizos de asistencia en terra.
Este modelo permite á compañía galega deseñar unha oferta flexible e adaptada ás necesidades dos viaxeiros. Ademais, todos os seus voos e tarifas inclúen gratuitamente un servizo de aperitivo a bordo e a posibilidade de transportar na cabina, sen custo adicional, un carriño de ata oito quilos e un accesorio ou bolso por pasaxeiro.
Fly2Galicia é a marca comercial de Aviation & Mobility Services Group, sociedade con sede en Santiago de Compostela e administrada polo empresario turístico Georgi Iavorov. A compañía nace co obxectivo de mellorar a conectividade aérea de Galicia mediante rutas directas cos principais centros económicos e turísticos da Península Ibérica e de Europa, contribuíndo así ao desenvolvemento económico e á creación de emprego na comunidade.