Formoso anuncia "unha nova etapa de transformación e crecemento industrial e enerxético" para As Pontes

O Concello das Pontes valora moi positivamente o avance na tramitación administrativa do nó eléctrico Maciñeira-Naraío, unha infraestrutura estratéxica para reforzar a rede de transporte eléctrico e atender as novas demandas vinculadas ao desenvolvemento de grandes proxectos industriais e enerxéticos na comarca.
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, considera que este novo paso «é un paso máis cara á consolidación das Pontes como un dos maiores centros industriais enerxéticos do Estado».
O rexedor sinala ademais que «este paso que dá o Goberno significa que nas Pontes poderán instalarse grandes centros industriais consumidores de enerxía e grandes instalacións de xeración enerxética, así como de almacenamento».
Neste sentido, González Formoso destaca que o desenvolvemento destas infraestruturas eléctricas, xunto cos proxectos industriais xa confirmados, abre unha nova etapa para o municipio: «Todo isto, sumado aos proxectos industriais xa confirmados, supón que As Pontes evolucionará cara a un modelo de conversión en cidade e debemos estar preparados para iso».
O Eixo Maciñeira-Naraío contempla dúas novas subestacións de 400 kV, en Maciñeira e Naraío, así como novas liñas de transporte eléctrico que discorrerán, entre outros puntos, por As Pontes, As Somozas e San Sadurniño.
Para o Concello, o avance na tramitación desta infraestrutura supón unha oportunidade para reforzar o posicionamento das Pontes como polo industrial e enerxético, facilitando a implantación de novos proxectos de elevado consumo eléctrico e de novas instalacións de xeración e almacenamento.
Ante esta nova realidade, o Concello considera necesario anticiparse ás necesidades que traerá consigo o crecemento industrial e económico, planificando os servizos, equipamentos e infraestruturas que permitan acompañar adecuadamente a evolución do municipio.