Formoso reclama máis fondos para que os concellos poidan manter os servizos públicos

O presidente da Deputación da Coruña advirte de que o aumento dos custos e a asunción de competencias sen financiamento están a comprometer as contas municipais e pide elevar a 200 millóns de euros a parte non condicionada do Fondo de Cooperación Local
DIPU CORU xornadas cosital
5 Nov 2026

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reclamou unha reforma do financiamento local que garanta recursos suficientes e estables para os concellos. Fíxoo este xoves durante a inauguración, no Pazo de Mariñán, en Bergondo, dunha xornada organizada por COSITAL Atlántico sobre o escenario orzamentario das entidades locais para 2027.

Formoso advertiu de que o incremento dos custos dos servizos públicos, unido á asunción de competencias doutras administracións sen os recursos correspondentes, está a poñer en dificultades a economía municipal. Entre os gastos que máis están a presionar as contas citou a enerxía, a recollida do lixo, a depuración e o Servizo de Axuda no Fogar, ademais do aumento dos custos de persoal.

'Chega un momento no que, por moito que se axuste e por ben que se xestione, as contas non dan', afirmou ante os secretarios, interventores e tesoureiros participantes no encontro. O presidente provincial sostivo que esta situación require decisións políticas e unha reforma financeira e lexislativa que permita aos municipios planificar os seus servizos e investimentos.

Formoso pide elevar a 200 millóns a parte non condicionada do FCL

O mandatario considerou positivo o incremento anunciado pola Xunta para o Fondo de Cooperación Local (FCL), pero entende que non chega para cubrir as necesidades dos municipios. Por iso, defendeu que a súa parte non condicionada alcance xa os 200 millóns de euros, unha cantidade que situou como referencia mínima.

Como exemplo do apoio que reciben os concellos da institución provincial, destacou o Plan Único (POS), que conta cunha dotación récord de case 180 millóns de euros. Formoso puxo en valor que este instrumento se distribúe mediante criterios obxectivos e consensuados polas distintas formacións políticas e advertiu de que, sen el, moitos municipios terían serias dificultades para manter a súa actividade.

'Sen este modelo económico da Deputación, os concellos van facer crack', asegurou. Tamén reclamou que as competencias que asumen as administracións locais vaian acompañadas dos recursos necesarios e que o esforzo das deputacións teña unha resposta equivalente por parte das demais institucións.

Formoso lembrou que os concellos son a primeira porta á que chama a cidadanía cando necesita unha solución, mesmo cando a competencia corresponde a outra administración. Nese sentido, defendeu a proximidade como unha das principais fortalezas do municipalismo, pero insistiu en que precisa persoal, medios e financiamento estable.

Recoñecemento ao labor dos secretarios, interventores e tesoureiros

Durante a súa intervención, o presidente da Deputación tamén recoñeceu o traballo dos profesionais da Administración local, aos que atribuíu un papel esencial para o funcionamento dos concellos e para garantir a seguridade xurídica da xestión pública.

Destacou que detrás de cada licitación, subvención ou pagamento hai un labor técnico que adoita pasar desapercibido e que, en moitos casos, recae sobre equipos reducidos sometidos a unha carga de traballo crecente e a constantes cambios normativos.

Así mesmo, defendeu a independencia dos profesionais responsables do control dos fondos públicos e pediu aos representantes políticos que respecten e apoien o seu labor. Segundo sinalou, o rigor na xestión contribúe a protexer os recursos públicos e a reforzar a confianza da cidadanía nas institucións.

A xornada de COSITAL Atlántico reúne no Pazo de Mariñán especialistas do Ministerio de Facenda, do Consello de Contas, da Xunta de Galicia e da Deputación de Sevilla. O programa aborda cuestións como as regras fiscais, o destino do superávit, os plans económico-financeiros, o control e as perspectivas de financiamento das entidades locais para 2027.

0.28285193443298