Fronte Ampla alerta de que os pensionistas galegos terían en risco as súas prestacións cun goberno de PP e Vox

A formación presenta na Pobra do Caramiñal a candidatura de Xosé Lois Piñeiro ao Congreso e defende a vivenda, as pensións e a protección das mariscadoras como prioridades da campaña
presentacion-fronte-ampla
3 Nov 2026

Fronte Ampla advertiu este martes de que máis de 700.000 pensionistas galegos poderían ver ameazado o seu futuro económico e o mantemento das súas prestacións cun Goberno do PP e Vox. A formación considera que as políticas fiscais e os posibles recortes nos servizos públicos promovidos pola dereita e a extrema dereita poñen en risco a sustentabilidade do sistema público de protección social.

A mensaxe foi trasladada nunha rolda de prensa celebrada no Auditorio da Biblioteca Municipal Victoriano García Martí da Pobra do Caramiñal, na que participaron o candidato de Fronte Ampla ao Congreso pola Coruña, Xosé Lois Piñeiro; o portavoz da formación, Paulo Carlos López; e a candidata ao Senado pola provincia, Rocío Núñez. O encontro serviu tamén para presentar a candidatura de Piñeiro e explicar os motivos da súa decisión de concorrer ás eleccións.

Paulo Carlos López agradeceu a acollida na localidade e destacou a figura de Piñeiro como integrante dunha candidatura «conectada coa realidade dos concellos». Definiu o proxecto como unha alianza «coa forza do social, do sindicalismo, do municipalismo e das persoas que traballan cada día por unha Galicia mellor».

O portavoz defendeu a concentración do voto en Fronte Ampla como garantía da continuidade do Goberno de progreso e reivindicou os logros acadados por Sumar no Executivo, entre eles a subida do salario e a ampliación dos permisos de maternidade ata as 19 semanas. «Falamos moito do voto útil, pero o voto útil é votar por quen subiu o salario ou por quen ampliou os permisos de maternidade ata as 19 semanas», afirmou.

A vivenda foi outro dos eixos centrais da súa intervención. López asegurou que será a prioridade inequívoca da campaña e vinculou o acceso a un fogar coa estabilidade laboral e uns salarios dignos. Neste sentido, reivindicou o traballo desenvolvido nos últimos anos polos ministerios de Sumar, con referentes como Yolanda Díaz, Verónica Barbero e Pablo Bustinduy.

En relación coas pensións, o portavoz insistiu en que un Goberno do PP e Vox non garantiría as prestacións dos galegos e galegas. «Estamos preocupados porque un Goberno do Partido Popular e Vox non garante as pensións dos galegos e das galegas, e a mellor forma de garantilas é votar a Fronte Ampla», declarou.

Pola súa banda, Rocío Núñez centrou a súa intervención nas propostas para a comarca do Barbanza e anunciou o compromiso de impulsar novamente no Congreso unha protección por cesamento de actividade adaptada ao sector do marisqueo. A iniciativa recuperaría a proposta parlamentaria presentada por Sumar en 2025 e, segundo explicou, foi contrastada coas principais afectadas. Núñez salientou o seu carácter feminista, xa que case o 80 % das mariscadoras son mulleres.

O candidato ao Congreso, Xosé Lois Piñeiro, explicou que dá este paso para trasladar directamente á Cámara baixa as demandas históricas da provincia e da comarca do Barbanza. Entre as súas prioridades citou a mellora das infraestruturas, a defensa dos sectores produtivos locais e o reforzo dos servizos públicos municipais.

Piñeiro reivindicou a súa experiencia institucional e a súa conexión coa veciñanza desde a perspectiva municipalista. «Vou poñer traballo, ilusión e dalo todo nesta campaña para conseguir esta representación no Goberno de esquerdas e seguir con todas estas políticas fundamentais para beneficiar e cambiar a nosa sociedade», asegurou.

O candidato tamén destacou que a súa experiencia como alcalde lle permite achegar unha visión próxima aos problemas cotiáns da cidadanía. «Quero facer gala do que fixen como alcalde, dunha participación e comunicación directa, e levar os problemas onde hai que levalos», sinalou.

Entre as cuestións prioritarias para a comarca, Piñeiro referiuse especialmente ás infraestruturas e á protección dos recursos hídricos. Defendeu a necesidade dun plan de resiliencia para o servizo de abastecemento de auga e reclamou que os concellos conten con infraestruturas como depósitos para facer fronte aos efectos do cambio climático. «Os concellos estamos moi necesitados de infraestruturas como depósitos de auga nunha situación de cambio climático, temos que seguir ampliando e facendo infraestruturas», concluíu.

0.43352890014648