Fronte Ampla impulsa unha ILP para limitar os alugueiros e chama á folga xeral do 11N

A formación inicia a recollida das 10.000 sinaturas necesarias tras a admisión a trámite da iniciativa no Parlamento galego, que propón limitar os alugueiros a un terzo do salario mínimo
fronte-amplo
4 Nov 2026

Fronte Ampla-Sumar iniciou este mércores no Parlamento de Galicia os trámites para impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa dunha vivenda digna. A candidata ao Congreso, Verónica Barbero, e o portavoz da formación, Paulo Carlos López, rexistraron os pregos para comezar nos próximos días a recollida das 10.000 sinaturas necesarias para que a proposta avance.

A iniciativa pretende converter o acceso á vivenda nun dereito efectivo e combater a especulación inmobiliaria. Entre as principais medidas figura limitar o prezo dos alugueiros a un terzo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), declarar Galicia zona tensionada e conxelar os prezos das residencias universitarias privadas.

López responsabilizou á Xunta da falta de avances nesta materia e criticou a xestión do Goberno de Alfonso Rueda. O portavoz tamén reivindicou as medidas impulsadas desde Sumar no Executivo estatal, como a limitación das vivendas turísticas, a prórroga dos contratos de alugueiro e as restricións á compra por parte de fondos de investimento.

Pola súa banda, Verónica Barbero destacou que a ILP busca levar o debate sobre a vivenda máis alá das institucións e implicar directamente á cidadanía. Neste sentido, aproveitou a comparecencia para facer un chamamento á participación na folga xeral convocada para o vindeiro 11 de novembro.

A formación considera que a mobilización social e a iniciativa lexislativa deben avanzar de maneira paralela para presionar polas políticas públicas de acceso á vivenda e garantir que este dereito quede por riba dos intereses especulativos.

0.39356517791748