Fronte Ampla presenta o seu programa, centrado na vivenda, os salarios e o autogoberno de Galicia

Fronte Ampla presentou esta mañá en Santiago de Compostela o seu programa electoral de cara ás Eleccións Xerais de 2026. Baixo a fórmula “100+15”, a coalición política artella un proxecto de país que combina 100 medidas xerais de transformación social e económica con 15 propostas específicas deseñadas desde e para Galicia, co obxectivo de levalas e implementalas tanto no Congreso dos Deputados como no Senado.
O acto, celebrado no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, contou coas intervencións do portavoz da formación e candidato ao Senado, Paulo Carlos López, e da cabeza de lista ao Senado pola provincia da Coruña, Rocío Núñez.
Durante a súa intervención, Rocío Núñez subliñou que o programa é o froito dun intenso proceso participativo desenvolto nos últimos anos xunto ao tecido social, sindicatos, cooperativas, ONG, o terceiro sector e o ámbito cultural, así como coas distintas organizacións políticas que integran a Fronte Ampla. "Partimos dunha pregunta fundamental: que precisamos cambiar para que a xente poida vivir mellor no noso país? Queremos unha Galicia con vivenda, dereitos laborais e futuro, un país que nos permita desenvolver a nosa vida aquí sen ter que marchar e cos coidados garantidos", afirmou Núñez.
O documento divídese en 17 eixos temáticos e está atravesado polos valores fundacionais do espazo: o laborismo, a xustiza social, a transición ecolóxica xusta e
“un feminismo do 99%, de clase, antirracista, anticapacitista, transincluínte e interxeracional”, tal e como explicou Núñez. Así mesmo, a candidata reivindicou unha Galicia diversa e terra de acollida que recoñece a súa propia historia migratoria, lembrando tamén que a democracia se constrúe desde a mobilización social, tal e como demostrou o éxito da folga pola vivenda.
Pola súa banda, Paulo Carlos López definiu a Fronte Ampla como unha forza política con vocación de goberno que asentará a súa acción institucional en catro sinais de identidade: salarios dignos, dereito á vivenda, servizos públicos e a defensa da identidade galega a través da lingua, a mobilidade e o autogoberno.
López puxo especial énfase na necesidade de intervir o mercado inmobiliario, denunciando que a vivenda está a funcionar como un activo financeiro e non como un ben de primeira necesidade. Para reverter esta situación, a formación propón regular e controlar as vivendas de uso turístico para reincorporalas ao mercado do alugueiro, así como prohibir a compra de vivenda por parte de fondos voitre para frear a especulación que expulsa á veciñanza das cidades. Ademais, apostan pola promoción de vivenda pública cunha modificación legal que blinde a súa titularidade para que nunca poida pasar ao mercado libre, mantendo a prórroga dos contratos de alugueiro.
No tocante ás medidas específicas da axenda galega e á construción dun Estado en rede que supere o centralismo de Madrid, os candidatos debullaron varias iniciativas estratéxicas. En primeiro lugar, comprométense á transferencia, nacionalización e gratuidade total da AP-9, lembrando que foi o Goberno de José María Aznar quen privatizou esta arteria fundamental condenando a Galicia a décadas de peaxes.
Tamén anunciaron a creación dunha empresa farmacéutica pública en Santiago de Compostela en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), co obxectivo de xerar capacidade produtiva, impulsar a I+D+i, crear emprego científi co e industrial e garantir tratamentos accesibles. Xunto a isto, propoñen situar o Museo Nacional do Traballo e dos Dereitos Sociais en Ferrol como recoñecemento á histórica loita sindical da cidade, e trasladar a sede do Defensor do Pobo a Vigo para acompañar o carácter plurinacional do Estado dunha descentralización institucional real.
No eido cultural e lingüístico, a Fronte Ampla propón a posta en marcha da canle 2Gal integramente en galego, seguindo o modelo da 2Cat en Cataluña, o que permitirá desenvolver os centros territoriais galegos, crear novos postos de traballo e fortalecer as industrias culturais e creativas. Finalmente, no plano social e laboral, a formación mantén a súa aposta pola redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais, novas subas do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e a implantación dunha prestación universal de 200 euros ao mes por cada menor de idade para combater a pobreza infantil e apoiar as familias na crianza.