Fronte Ampla propón un plan de rexeneración das rías galegas con fondos europeos

Fronte Ampla celebrou este domingo en Noia a súa conferencia territorial, un acto no que o portavoz da formación, Paulo Carlos López, puxo o acento na relevancia de respaldar electoralmente ao partido como forma de blindar dereitos sociais fronte aos plantexamentos da extrema dereita.
Durante a súa intervención, López sinalou que apoiar a Fronte Ampla equivale a posicionarse en contra dun discurso que, ao seu xuízo, pon en entredito os dereitos das mulleres e do colectivo LGTBIQ+, ademais de cuestionar o consenso científico sobre o cambio climático. O portavoz insistiu en que resulta prioritario impedir que formacións que negan a crise climática cheguen a ocupar espazos de responsabilidade institucional.
Aproveitando que o encontro se celebraba en Noia, López centrou boa parte do seu discurso nos efectos xa visibles do cambio climático sobre a costa galega. Neste sentido, alertou de que a elevada mortaldade de bivalvos está a golpear con forza ao sector marisqueiro, unha actividade desempeñada maioritariamente por mulleres e da que dependen numerosas familias da comarca dende hai xeracións.
Por este motivo, o portavoz reivindicou a necesidade de impulsar medidas ambientais orientadas a salvagardar tanto os postos de traballo como o futuro das traballadoras do sector. “O cambio climático xa ten consecuencias directas nas actividades de Noia e de moitas outras rías de Galicia. A mortaldade de bivalvos pon en risco a actividade económica básica da que viven moitas mulleres e as súas familias”, afirmou López.
Fronte a este escenario, Fronte Ampla presentou como proposta a creación dun Plan de Rexeneración das Rías, que se sustentaría na obtención e xestión eficiente de fondos europeos canalizados a través do Estado. Segundo explicou a formación, o obxectivo desta iniciativa sería dobre: por unha banda, recuperar a produtividade dos bancos marisqueiros e, por outra, protexer os ecosistemas mariños, garantindo así a continuidade económica e laboral das comunidades que viven da costa galega.