Galicia celebrou a súa cultura no Teatro Jofre de Ferrol cos Premios da Cultura Galega

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude presidiu a gala dos Premios da Cultura Galega 2024 no Teatro Jofre de Ferrol, onde destacou a “eclosión cultural” que vive Galicia. A Xunta premiou a figuras como Manuel Lourenzo, Pepe Barro, Marta Pazos, Joaquín Martínez ‘Kin’, Ficción Producións, Julia Díaz, Xosé Manuel González e o Real Club Celta de Vigo.
Gala Cultura
8 Jun 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presidiu onte no Teatro Jofre de Ferrol a gala de entrega dos Premios da Cultura Galega 2024, destacando a “eclosión cultural” que vive Galicia e animando ao sector a “non conformarse, ser ambicioso e seguir medrando” co apoio da Xunta.

O titular de Cultura enxalzou ás oito persoas e entidades galardoadas como representantes do “selo Galicia Calidade”: o dramaturgo Manuel Lourenzo (Letras), o deseñador gráfico Pepe Barro (Artes Visuais), a directora escénica Marta Pazos (Artes Escénicas), o promotor cultural Joaquín Martínez ‘Kin’ (Música), a produtora Ficción Producións (Audiovisual), a xornalista Julia Díaz (Lingua), o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo (Patrimonio Cultural) e o Real Club Celta de Vigo (Proxección Exterior).

Cada premiado recibiu unha escultura de Manuel Patinha, artista portugués residente na comarca de Ferrolterra. López Campos felicitou ás persoas premiadas “por axudar a construír o futuro de Galicia a través da súa creatividade” e puxo en valor a recente Lei galega de cultura inclusiva e accesible.

A gala tamén homenaxeou ás cantareiras, protagonistas do Día das Letras Galegas 2024, e celebrou o Ano Castelao cun pano de fondo escénico deseñado polo propio artista de Rianxo. Actuaron o Coro Encaixe, Nova Galicia Danza e Sara Gimeno ‘Ares’, gañadora do Xuventude Crea 2024 en Música.

⚙ Configurar cookies
0.24154090881348