Galicia é a terceira comunidade con maior taxa de doazón de sangue en 2025

Resalta o récord histórico na actividade de transplantes de órganos acadado en 2025, con 429 intervencións cirúrxicas e 143 doantes
doazon-de-sangue
22 Sep 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León Mateos, e o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria da Consellería de Sanidade, Salvador Mariño-Ageitos, visitaron esta mañá as instalacións da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). Durante a súa visita, salientaron a solidariedade da cidadanía galega, que situou a comunidade como a terceira en taxa de doazón de sangue durante o pasado 2025.

En 2025, Galicia acadou un índice de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, grazas ás 105.337 doazóns de sangue realizadas polos cidadáns galegos. Esta cifra situou a comunidade cinco puntos por riba da media estatal.

Luis León e Salvador Mariño-Ageitos, acompañados polo equipo directivo da ADOS, salientou a importancia vital do xesto altruísta da doazón de sangue para posibilitar unha gran parte do intenso labor asistencial do noso sistema público de saúde.

O xerente do Sergas e o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria quixeron coñecer de primeira man o labor diario dos profesionais da Axencia que posibilitan a obtención, procesamento e distribución dos compoñentes sanguíneos obtidos das doazóns de sangue.

Desde a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue xestiónanse, ademais, os programas de doazón e transplante de órganos que, segundo salientou o xerente do Sergas, están a acadar récords históricos de actividade, como sucedeu no ano 2025 coa realización de 429 intervencións cirúrxicas de transplante e 143 doantes de órganos.

Neste sentido, o xerente do Servizo Galego de Saúde quixo agradecer tamén a solidariedade dos doantes de órganos e das súas familias xa que, en momentos especialmente delicados, favorecen a doazón e regalan a moitos enfermos unha nova oportunidade de vida.

No transcurso da visita ata as instalacións, tanto o xerente como o director de Atención Primaria e Comunitaria, puideron coñecer o labor da Unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibilidade, departamento que conta coa certificación da European Federation for Immunogenetics, e posibilita a tipaxe dos doantes de medula ósea, que hoxe celebran o seu Día Mundial.

A ese respecto, hoxe mesmo, con motivo do Día Mundial do Doante de Médula Ósea, a ADOS informou de que na actualidade, figuran como inscritos 16.234 galegos e galegas no Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea, dos que un total de 455 incorporáronse no que vai de ano.

0.34726190567017