Galicia e o norte de Portugal crean unha rede para impulsar a dixitalización dos recintos feirais a través de Digital_Expo

O proxecto de cooperación transfronteiriza, con máis de 1 millón de euros de orzamento, busca modernizar espazos expositivos e atraer novos eventos mediante innovación tecnolóxica
digital-expo-expourense
26 Jun 2026

Galicia e o norte de Portugal impulsan a creación dunha rede orientada a potenciar a dixitalización nos recintos feirais no marco do proxecto Digital_Expo, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza centrada na modernización e transformación dixital destes espazos.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou en Expourense nunha xornada do proxecto acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

Durante a súa intervención, o conselleiro destacou a creación desta rede para impulsar a dixitalización dos recintos feirais, unha liña de traballo que, segundo sinalou, encaixa co obxectivo do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, elaborado coa participación dos distintos axentes do sector, incluídos os representantes dos recintos feirais.

Neste contexto, a Xunta pretende impulsar unha rede autonómica orientada ao liderado destes espazos no ámbito da modernización e dixitalización, co fin de atraer novas feiras e eventos e reforzar o seu papel como escaparate de novidades comerciais para o sector.

José González tamén cualificou o proxecto como un exemplo de colaboración institucional. No mesmo participan a Xunta de Galicia, Expourense, a Universidade de Vigo e as cámaras municipais de Viana do Castelo, Ponte de Lima e Arcos de Valdevez, ademais doutros axentes implicados.

O conselleiro puxo como exemplo Expourense, que no ano pasado rexistrou máis de 111.000 visitas en diferentes actividades como feiras, eventos, xornadas, formacións e competicións. Segundo indicou, esta actividade contribúe a atraer visitantes nacionais e internacionais e a reforzar a proxección do recinto como espazo de referencia para o comercio e a economía galega.

O proxecto Digital_Expo, enmarcado no programa Interreg POCTEP, desenvolverase ata o 31 de decembro de 2027 e conta cun orzamento superior ao millón de euros.

Entre as accións previstas inclúese a creación dun espazo demostrativo de innovación (hub) para compartir coñecemento e recursos entre entidades participantes.

Tamén se desenvolverán proxectos piloto tecnolóxicos baseados en intelixencia artificial e realidade virtual e aumentada, co obxectivo de analizar a súa aplicación na xestión dos recintos feirais e na mellora da experiencia das persoas visitantes.

O programa inclúe ademais accións de formación, transferencia de coñecemento e promoción dixital dirixidas ao tecido empresarial, co obxectivo de incrementar a visibilidade dos recintos e favorecer a captación de novos usuarios.

A xornada celebrada en Expourense completouse con conferencias sobre solucións tecnolóxicas innovadoras para pemes e para o sector comercial, así como sobre os apoios da Xunta ao comercio.

0.31805896759033