Galicia e Portugal colaboran nun operativo transfronteirizo nos espazos protexidos do Xurés-Gerês

O obxectivo destas accións é reforzar a protección dun territorio sensible, ordenar o tránsito temporal de visitantes e informar das normas que rexen neste territorio
zona-xures-trasnfronteirizo
3 Jul 2026

Axentes medioambientais da Unidade de investigación de conservación da natureza (UICON) e do distrito ambiental XV, xunto cos vixilantes da natureza do Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas (ICNF) de Portugal, colaboraron a fin de semana pasada na coordinación dunha acción conxunta transfronteiriza nos espazos protexidos do Xurés-Gerês.

O obxectivo deste operativo especial era reforzar a protección ambiental dunha zona especialmente sensible, ordenar de forma temporal o tránsito e informar ás persoas que a visitan sobre a necesidade de respectar as normas de conservación que aplican nun espazo declarado reserva de biosfera e no que conflúen outras figuras de protección. En concreto, os axentes galegos mobilizados realizaron un operativo de vixilancia e control ambiental xunto cos vixilantes do ICNF na zona fronteiriza do Parque Natural Baixa Limia–Serra do Xurés e do Parque Nacional da Peneda–Gerés.

Cómpre lembrar que nestes espazos protexidos os visitantes realizan numerosas actividades recreativas como sendeirismo, BTT, montañismo ou escalada que ás veces poden interferir ou causar molestias á fauna local. De feito, estamos na etapa final da época de nidificación de especies como a aguia real, en perigo de extinción e presente nesta zona, onde nestas datas se poden atopar polos na fase previa ao seu primeiro voo polo que resulta un momento especialmente sensible a posibles molestias.

Neste sentido, o operativo ambiental coordinado a ambos lados da fronteira consistiu en establecer unha zona de exclusión temporal, restrinxindo o paso de sendeiristas, bicicletas e calquera outro tipo de vehículo e habilitando itinerarios alternativos nos que non se pode saír dos sendeiros establecidos.

Os axentes ambientais tamén informaron aos visitantes dos motivos desta restrición temporal, incidindo en que o respecto polas normas nos espazos naturais protexidos garante a conservación da biodiversidade e o equilibrio dos ecosistemas, para que no futuro se poida seguir desfrutando dos seus excepcionais valores naturais.

0.44494891166687