Galicia incorpora un avión propio de coordinación e vixilancia ao dispositivo contra os incendios

A aeronave opera desde o 1 de agosto na base transfronteiriza de Verín-Oímbra e conta con ata catro horas de autonomía para ampliar a cobertura do operativo
novo-avion-incendios
15 Aug 2026

A Consellería do Medio Rural incorporou un avión propio de coordinación e vixilancia ao dispositivo galego de prevención e defensa contra os incendios forestais. O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, visitou a base aérea transfronteiriza de Verín-Oímbra, desde onde opera esta aeronave desde o pasado 1 de agosto.

O novo medio súmase aos dous helicópteros de coordinación cos que xa contaba o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta. Estes medios complementan os recursos destinados directamente á extinción e permiten obter información en tempo real para apoiar a toma de decisións tanto tácticas como estratéxicas.

Entre as súas funcións están a supervisión continua do dispositivo, a observación de zonas que poden quedar ocultas pola orografía ou polo fume e a facilitación das comunicacións durante as intervencións.

A aeronave contará ademais con dous técnicos encargados de analizar e avaliar de maneira continua a evolución dos incendios, prestando apoio ao persoal que traballa sobre o terreo.

A incorporación do avión permite ampliar a cobertura e a franxa de traballo do dispositivo, xa que dispón dunha autonomía de ata catro horas. O Xunta 23 ACO é unha aeronave de alta velocidade e presenta tamén unha capacidade superior á dos helicópteros de coordinación existentes, polo que pode realizar transportes loxísticos e de persoal.

Este reforzo forma parte do incremento dos medios aéreos realizado este ano pola Consellería do Medio Rural. En total, incorporáronse catro novos aparatos ao dispositivo de loita contra os incendios. Ademais do avión de coordinación, dous avións de carga en terra xa están operativos e está prevista a incorporación dun helicóptero pesado no mes de setembro.

Coa chegada deste novo medio, Galicia conta con 23 aeronaves dependentes da Consellería do Medio Rural. Se se suman os medios do Goberno central, son máis de 30 os aparatos que participan este ano no dispositivo de extinción de incendios forestais na comunidade.

0.37282204627991