Galicia mantense entre as comunidades autónomas con mellores ratios de acollemento familiar de España

É a segunda rexión onde máis nenos e adolescentes en situación de desamparo poden vivir nun fogar cunha familia acolledora
Imaxe do programa de familias de acollida de Cruz Vermella
9 Jul 2026

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou hoxe que Galicia mantense, un ano máis, entre as comunidades autónomas con mellores ratios de acollemento familiar de España. Así o asegurou na súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, onde abordou as medidas postas en marcha pola Xunta para reforzar o sistema de protección de menores na comunidade.

Neste sentido, apuntou que o Executivo autonómico impulsou iniciativas para consolidar o acollemento familiar como recurso prioritario de protección na infancia e na adolescencia. Con este obxectivo, enumerou, o Goberno galego incrementou en dúas ocasións nos últimos catro anos as compensacións mensuais que reciben as familias acolledoras e implementou diversos programas de acollemento. Entre outros, o programa piloto de acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva; unha iniciativa pioneira en España á que a Xunta destinará máis de tres millóns de euros ata mediados de 2029 dirixida a menores que, polas súas circunstancias e necesidades, non poden permanecer no seus fogares con seus proxenitores.

Como resultado de todas as modalidades de acollemento que promove o Executivo autonómico, Galicia repite como segunda comunidade con mellor ratio do país e unha taxa de acollemento do 56%, once puntos por riba da media española. Galicia está entre as rexións onde máis nenos e adolescentes viven nun fogar de acollida, evitando así que teñan que vivir nun recurso de acollemento residencial.

Non obstante, precisou Jacobo Rey, todos os recursos de acollemento residencial concertados coa Xunta cumpren a normativa vixente, dispoñen de persoal cualificado e están sometidos a inspeccións periódicas que garanten o benestar dos menores. Só no ano pasado, lembrou, o Goberno galego destinou 3,6 millóns de euros á mellora destes recursos.

Por último, o director xeral remarcou que o Executivo autonómico está a tramitar a elaboración do anteproxecto de Lei de Infancia e Adolescencia de Galicia, que permitirá reforzar o sistema de protección de menores da comunidade.

0.38952398300171