Galicia participará na Asemblea da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais en Canarias

Os xogos tradicionais galegos estarán representados na 25ª Asemblea Xeral da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, que se celebrará entre o 9 e o 12 de xullo en Las Palmas de Gran Canaria.
A Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais foi fundada en Lesneven (A Bretaña) o 28 de abril de 2001 por parte de case 100 organizacións do continente. A súa finalidade: a investigación e a divulgación dos patrimonios lúdicos nacionais, así como a promoción de organizacións e proxectos locais. Acabou promovendo tamén a coordinación con iniciativas doutros continentes. Os colectivos —e as persoas particulares— integrantes da Asociación poden verse na súa páxina web, sendo na actualidade 124. Proceden de todas as partes do continente.
Galicia mantívose en contacto permanente coa AEXDT desde o primeiro momento, e foi no ano 2003, nun encontro celebrado en Nantes, onde ese contacto se tornou presencial. A partir de entón mantén unhas relacións constantes, que se concretan no intercambio permanente de información e na participación en proxectos comúns.
Galicia está presente na AEXDT a través do Museo Etnolúdico de Galicia de Ponteceso (MELGA), da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) con sede en Melide, e da investigadora rianxeira Manuela Vázquez Coto. Nesta ocasión serán representantes das dúas entidades citadas as presentes fisicamente en Las Palmas.
Na actualidade asistimos a un momento relativamente vigoroso no proceso de estudo, recuperación e divulgación do patrimonio lúdico galego: clubs, asociacións, museos, a propia Federación Galega de Deportes Autóctonos, empresas, etc. En concreto, 18 deses colectivos, investigadores/as e entidades de toda índole agrúpanse no Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, que promove iniciativas tales como a súa propia páxina web —unha fonte inesgotable de recursos sobre o noso patrimonio lúdico—, a aplicación para móbiles para que lles sexa posible a calquera familia, educador/a ou xogador/a poñer en marcha un xogo só cun minuto de consulta, ou publicacións do estilo dun libro de xogos tradicionais para tempos de pandemia. As súas iniciativas máis recentes son o VII Curso de formación sobre o patrimonio lúdico, a publicación dun libro de referencia sobre a investigación dos nosos xogos ou unha investigación actualmente en marcha sobre os xogos no Camiño de Santiago.
O Goberno Canario é recoñecido pola súa promoción e divulgación do rico patrimonio lúdico das illas. Na actualidade, dentro da súa estrutura existe unha Dirección Xeral de Deportes Autóctonos, algo impensable noutras realidades. É precisamente esta Dirección Xeral a que promove o programa que se vai desenvolver arredor da Asemblea, e que consta, por exemplo, dun encontro de xogos tradicionais das Illas.