Galicia reforza a súa presenza na dirección estatal de Movimiento Sumar con tres representantes

O baionés Ramón Sarmiento será o novo secretario de Laborismo, Industria e Economía, mentres que Rocío Núñez, afincada en Santiago de Compostela, asumirá a Secretaría de Feminismos e LGTBIQA+
novos-membros-sumar-galicia
30 Jul 2026

Galicia gaña peso na dirección estatal de Movimiento Sumar tras a incorporación de dúas novas persoas galegas á Comisión Executiva da organización. O baionés Ramón Sarmiento será o novo secretario de Laborismo, Industria e Economía, mentres que Rocío Núñez, afincada en Santiago de Compostela, asumirá a Secretaría de Feminismos e LGTBIQA+. Ambos únense á galega Verónica Barbero, que xa exerce como cocoordinadora estatal de Movimiento Sumar e portavoz do Grupo Plurinacional Sumar no Congreso dos Deputados.

Con estas designacións, Galicia convértese nun dos territorios con maior representación na dirección estatal da formación, ocupando responsabilidades en áreas consideradas estratéxicas para o desenvolvemento do proxecto político nos vindeiros anos.

Ramón Sarmiento, natural de Baiona, é traballador e sindicalista do sector naval, cunha ampla traxectoria na defensa dos dereitos laborais. Desenvolveu boa parte da súa carreira profesional nos estaleiros vigueses e desempeñou diferentes responsabilidades en Comisións Obreiras, chegando a ser secretario xeral de CCOO de Galicia. Ademais, foi candidato de Sumar pola provincia de Pontevedra nas eleccións autonómicas de 2024.

Pola súa banda, Rocío Núñez é educadora social e funcionaria dos servizos sociais comunitarios, cunha experiencia de preto de dúas décadas no ámbito da acción social, da protección á infancia e dos servizos sociais municipais. Feminista e activista social, participa desde hai anos en diferentes colectivos de Santiago e forma parte da dirección de Movemento Sumar Galicia.

Desde a organización consideran que estas incorporacións supoñen un recoñecemento ao traballo desenvolvido por Movemento Sumar Galicia e reforzan a capacidade do territorio para participar nas decisións estratéxicas da dirección estatal. A presenza de Verónica Barbero na cocoordinación, xunto coas novas responsabilidades asumidas por Ramón Sarmiento e Rocío Núñez, consolida a Galicia como unha das referencias dentro do proxecto político de Movimiento Sumar e fortalece a súa participación na construción dunha alternativa progresista para o conxunto do Estado.

0.33963799476624