Galicia rexistrou máis de 44.000 doazóns de sague no que vai de ano

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentou hoxe a campaña de verán “Un alento de vida”, destacando que Galicia superou xa as 44.000 doazóns de sangue no que vai de ano e animamdo á cidadanía a continuar incrementando esas cifras.
A iniciativa, que principiará o vindeiro 15 de xuño e se estenderá ata o 31 de agosto, achegará a doazón de sangue ao redor de 170 concellos galegos, co obxectivo de manter estables as reservas de todos os grupos sanguíneos no período estival. Así, estímase que ata finais do mes de agosto, os hospitais galegos precisarán ao redor de 22.000 doazóns para levar a cabo o seu labor asistencial.
O conselleiro de Sanidade, que estivo acompañado da directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López García, incidiu na necesidade de obter unhas 400 doazóns de sangue diarias tamén durante os meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doadores habituais. Para acadar este obxectivo, abundou o responsable autonómico, as unidades móbiles da ADOS “realizarán arredor de 800 desprazamentos para achegar a doazón ás cidades, vilas e parroquias de Galicia”, na procura de facilitar a participación cidadá.
A campaña “Un alento de vida” lembra que a doazón representa unha oportunidade de curación para moitos enfermos e que, o xesto solidario dos doadores, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.
Así, as persoas que participen na campaña de verán recibirán un agasallo como unha almofada ou un balón de praia pola súa participación e está previsto que un total de 32 concellos acollan unha montaxe que estará instalada ao carón das unidades móbiles consistente nun espazo que simula unha típica terraza de verán.
Esta nova iniciativa incide na necesidade de doar aínda que sexa verán, lembrando que as unidades móbiles terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.
Así, as unidades móbiles da Axencia contan cunha nova rotulación co obxectivo de chamar á atención da cidadanía acerca da importancia de contar coa súa doazón de sangue.
Día Mundial do doante de sangue
Gómez Caamaño quixo recoñecer a importancia do labor das persoas que doan sangue, lembrando que o próximo 14 de xuño conmemórase o Día Mundial do Doante de Sangue.
Nesta liña, agradeceu a participación dos cidadáns que o pasado ano efectuaron 105.337 doazóns de sangue, situando Galicia como unha das comunidades con maior nivel de participación, e que permitiu acadar unha taxa de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, un índice que supera en tres puntos a media nacional.
En 2025, o concello de Padrón repetiu como o de maior taxa de doazón de Galicia, cun índice de 92 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, Meira (81/1.000), A Pobra de Trives (58/1.000) e Salceda de Caselas (77/1.000) foron os municipios cos índices de participación máis elevados das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente.
Así mesmo, desde o ano 1993, data da posta en funcionamento das campañas de captación de doazóns en unidades móbiles, os galegos e galegas teñen realizado ao redor de 3.441.000 doazóns de sangue.
Gómez Caamaño lembrou o importante esforzo desenvolvido por parte da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) para mellorar a atención dos doantes e que se reflicte na renovación do seu parque móbil. Na actualidade, a ADOS dispón de 10 unidades móbiles, que diariamente recorren a xeografía galega, e dúas unidades de reposto. No transcurso da última década, a Xunta investiu máis de dous millóns de euros na renovación de seis unidades móbiles.
A Axencia convidan a todos os cidadáns a tomar parte nesta nova campaña de doazón, lembrado que pode doar sangue calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.