Galicia será o territorio con maior representación na Asamblea Estatal de Sumar

Movemento Sumar Galicia contará con 17 delegados e delegadas, asignadas en función do número de persoas militantes, na vindeira Asemblea Estatal de Movimiento Sumar que se celebrará en Madrid o día 11 de xullo desta ano. A este número súmanse outras cinco persoas galegas que participarán como membros natos por formar parte aínda do Grupo Coordinador estatal (Verónica Barbero, Paulo Carlos López, Manuel Lago, Gloria Alonso e Rocío Núñez). Ademais, esta representación podería ampliarse coa incorporación de máis galegos e galegas escollidos nos distintos espazos sectoriais do proceso asembleario.
Con estes datos, Galicia consolídase como a principal organización territorial dentro de Movimiento Sumar. En número absoluto de delegados, sitúase como a cuarta comunidade con maior representación, só por detrás de Madrid, con 31 delegados; Andalucía, con 30; e o País Valencià, con 19. Por detrás de Galicia queda Catalunya, con 15 representantes.
O secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, salienta que este resultado ten unha especial relevancia política porque Galicia é, en termos proporcionais, “o territorio que máis delegados achega en relación coa súa poboación”. Para a organización galega, este dato é unha mostra clara do traballo desenvolvido nos últimos meses, do proceso de implantación territorial e do compromiso da militancia galega coa “construción dun espazo político propio para Galicia, soberano e federado para construír un Estado Plurinacional con xustiza social”.
Movemento Sumar Galicia considera que esta representación reforza o papel de Galicia dentro do proxecto estatal e confirma que a organización galega chega á Asemblea cunha voz propia, con capacidade de incidencia e coa vontade de contribuír ao futuro de Movimiento Sumar desde unha perspectiva galega, progresista e transformadora.