Galicia sumou máis de 72.000 usuarios de internet de entre 65 e 74 entre os anos 2021 e 2025

O informe Galicia. A nosa vida en dixital. 2025 constata a diminución da fenda dixital por idade na Comunidade, onde máis do 77 % dos galegos maiores de 65 anos usan a rede
mobil-tecnoloxia-1
12 Jul 2026

O uso de Internet en Galicia é practicamente universal entre a poboación moza, pero o avance é especialmente significativo entre as persoas maiores. No grupo de 65 a 74 anos, o 77,4 % utiliza Internet, o que supón un incremento do 3,5 % respecto a 2024 e de preto dun 39 % en catro anos. Un total de 72.894 galegos nesta franxa de idade sumáronse ao uso da rede entre 2021 e 2025.

Así se recolle no informe Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2025, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a partir dos datos da Enquisa Estrutural a Fogares realizada polo Instituto Galego de Estatística (IGE), no marco do acordo de colaboración entre ambos organismos.

O informe sinala que o 94,3 % da poboación galega de 16 a 74 anos utilizou Internet nos últimos tres meses, o que representa preto de 1,9 millóns de internautas. Desde 2021, incorporáronse 127.429 novos usuarios, cun crecemento superior ao rexistrado no conxunto de España.

O smartphone segue sendo o dispositivo máis utilizado, empregado polo 95,7 % da poboación. As actividades máis habituais na internet continúan sendo as videoconferencias, as chamadas a través de Internet e a consulta de noticias e contidos informativos.

A porcentaxe de fogares galegos con acceso a Internet alcanza o 95,7 %, o que supón un total de 926.797 fogares conectados. Desde 2021, incorporáronse máis de 57.800 fogares. Ademais, o 90,6 % dos fogares con Internet dispón de velocidades superiores aos 30 Mbps, e o 74,2 % conta con conexións de 100 Mbps ou máis.

Os fogares galegos avanzan cara á un modelo máis conectado e diverso. O 80,8 % dispón de ordenador. As Smart TV están presentes no 65,2 % dos fogares, cun crecemento do 10,3 % respecto a 2024 e do 49,2 % desde 2021. Tamén continúan gañando presenza os dispositivos da Internet das Cousas, como os altofalantes intelixentes, xa presentes no 18,1 % dos fogares.

O 69,3 % da poboación galega realizou compras por Internet en 2025, un 2,8 % máis que o ano anterior, mentres que entre os mozos de 25 a 34 anos a porcentaxe ascende ao 92,6 %. Pola outra parte o 88,4% dos internautas galegos realizaron trámites ou xestións en liña coa Administración pública.

O 17,5 % dos internautas galegos declara ter sufrido algún incidente de ciberseguridade nos últimos doce meses. Os datos poñen de manifesto a importancia de seguir reforzando a concienciación e as competencias dixitais da cidadanía.

0.38526701927185