Galicia xa é a terceira comunidad con maior taxa de doazón de sangue de España

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue recolleu en 2025 un total de 105.337 , que supuxeron 39 doazóns por cada 1.000 habitantes
doazon-de-sangue-unidade-mobil
19 Jun 2026

Galicia situouse en 2025 como a terceira comunidade autónoma en taxa de doazón de España, cun índice de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes.

Segundo os datos que o Ministerio de Sanidade fixo públicos, con motivo da conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue, as campañas de doazón desenvolvidas pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) permitiron situar Galicia nos primeiros postos, ao rexistrar 39 doazóns por cada 1.000 habitantes, sendo soamente superada por Estremadura (47/1.000) e Castela León (45/1.000).

Deste xeito, a taxa de doazón de sangue galega sitúase cinco puntos por riba de media nacional: 34 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.

Os excelentes resultados acadados pola ADOS son posibles grazas ao carácter solidario dos galegos e galegas, que se teñen convertido nun referente de xenerosidade e compromiso co xesto da doazón de sangue.

A Xunta, a través da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, traslada o seu agradecemento toda a sociedade galega que, coa súa contribución, permiten a recuperación de enfermos que precisan recibir a transfusión de compoñentes sanguíneos durante o seu tratamento.

Datos de participación

O Ministerio de Sanidade salienta que o pasado ano se rexistraron un total de 1.662.035 doazóns de sangue en España, das que 105.337 doazóns correspóndense con achegas recollidas en Galicia.

O total de doazóns nacional foi realizado por 1.070.169 persoas, das que 73.317 doaron na comunidade galega e un 12,65 % delas doaban sangue por vez primeira: 9.275 doantes.

A Xunta quere salientar a importancia de ampliar a base de doantes, xa que contribúen ao relevo xeracional pero tamén resulta fundamental concienciar á cidadanía da necesidade de manter unha participación estable todos os días, xa que a necesidade de compoñentes sanguíneos non diminúe en ningunha época do ano.

Cómpre lembrar que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) vén de presentar a súa nova campaña de verán Un alento de vida co obxectivo de fomentar a doazón de sangue durante o período estival e acadar, ata finais do mes de agosto, 22.000 doazóns.

Unidades e locais de doazón

Son máis de 170 concellos galegos os que recibirán a visita das unidades móbiles este verán. Así mesmo tamén continuará sendo posible doar nos sete locais de atención permanente ao doante de sangue existentes nas grandes cidades galegas. Nestes locais, ademais de doar polo xeito convencional, pódense realizar doazóns polo sistema de aférese (doazón selectiva dos diferentes compoñentes sanguíneos).

No ano 2025 foron 5.505 os procesos de aférese realizados en Galicia, dos que 1.121 se corresponderon co programa de plasmaférese (doazón de plasma), recentemente posto en funcionamento, e que permitiu acadar 635 litros de plasma. O plasma é a parte líquida do sangue e que contén proteínas que posibilitan a fabricación de medicamentos, como as inmunoglobulinas, o factor VIII ou o Alfa 1 antitripsina, que permiten o tratamento de diversas doenzas.

A Xunta reitera o agradecemento a todos os galegos e galegas que son doantes de sangue, xa que os excelentes resultados foron posibles grazas á súa colaboración. Nesta liña fai un chamamento á cidadanía a tomar parte na campaña de doazón deste verán, sabendo que pode doar sangue calquera persoa maior de 18 anos que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

0.32814002037048