Galicreques celebra o seu 30º aniversario con 16 estreas e máis de 60 funcións en Compostela

O Festival Internacional Galicreques cumpre 30 anos e ofrecerá 16 estreas e máis de 60 funcións con compañías procedentes de doce países. A Sala Capitol e a carpa da Alameda acollerán os actos centrais de aniversario.
Galicreques
7 Oct 2025

O Concello de Santiago acolleu este luns a presentación do 30º Festival Internacional Galicreques, que se celebrará do 11 ao 19 de outubro con máis de 60 funcións e 16 estreas de compañías de Arxentina, Italia, Portugal, México, Chile ou Colombia, entre outros países.

Organizado pola Asociación Barriga Verde, o festival conta co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura e Deporte, a través do INAEM e da Fundación SGAE.

Na presentación participaron a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e o director do festival, Jorge Rey.

Louzao destacou o apoio do Concello “a unha cita que xa se consolidou como unha das máis queridas e recoñecidas da cidade”, mentres que González puxo en valor a súa proxección internacional. Pola súa parte, Rey subliñou que esta é “a edición máis ambiciosa, con máis compañías e máis estreas ca nunca”.

30 anos de monicreques

O aniversario protagonizará dous actos centrais. O primeiro será o mércores 8 de outubro coa festa de inauguración na Sala Capitol, pensada como un encontro para o sector escénico, e marcará o inicio dunha nova colaboración co recinto compostelán, que tamén acollerá o domingo 19 o espectáculo Los tres cerditos da compañía aragonesa Teatro Arbolé.

O segundo acto celebrarase o luns 13 de outubro ás 20:00 horas na carpa da Alameda, onde artistas que participaron ao longo destas tres décadas compartirán co público as súas experiencias e lembranzas.

Estreas e clausura

A primeira estrea será o sábado 11 na tenda A Reixa, coa compañía colombiana El Guiñol del Guiñol e a obra El último árbol. Ese mesmo día, Micromina Teatro presentará Pasmo de Pedra no Centro Sociocultural do Romaño.

Entre as estreas internacionais destacan O rei va nú de Fío D’Azeite (Portugal), Kuiyen, sueño mapuche de Títeres Candelilla (Chile) e Cenicienta de Zaches Teatro (Italia). Tamén presentarán novas producións Panta Rhei (País Vasco) e Fil de Guá (Cataluña).

A clausura terá lugar o domingo 19 de outubro no Teatro Principal coa obra Ephimeros da compañía galega Nauta, tras a entrega do Premio Galicreques 2025, cuxa persoa homenaxeada se dará a coñecer nos próximos días.

Xunto a Nauta e Micromina, a terceira compañía galega que estreará neste aniversario será Kalina Teatro, que presentará Limonardo dá vento o venres 12 no CSC de Santa Marta, dentro da programación escolar.

⚙ Configurar cookies
0.34761118888855