Germán Díaz estrea en Estonia unha nova banda sonora para 'La vida es sueño'

O músico lucense participa na inauguración do novo teatro de Tallinn cunha produción dirixida por Lembit Peterson e escenografía do portugués Jose Manuel Castanheira
Germán-Díaz
10 May 2026

O músico lucense Germán Díaz estreou en Estonia unha nova banda sonora creada para unha produción teatral baseada na obra La vida es sueño, de Pedro Calderón de la Barca, no recentemente inaugurado teatro de Tallinn. A montaxe conta coa dirección do estonio Lembit Peterson e coa escenografía e imaxe do prestixioso escenógrafo portugués Jose Manuel Castanheira.

Trátase xa da terceira colaboración entre Germán Díaz e Lembit Peterson, unha relación artística que comezou no ano 2003 coa produción de Moito ruído e poucas noces e que continuou posteriormente con La dama duende, tamén de Calderón, creada para a reapertura do Ugala Theatre, na cidade estonia de Viljandi.

A música orixinal composta polo artista lucense destaca pola presenza da zanfona, instrumento que Díaz leva anos difundindo internacionalmente a través de concertos, proxectos escénicos e iniciativas pedagóxicas. Esta nova produción súmase ademais ao traballo de proxección exterior da candidatura de Lugo como capital europea da zanfona, reforzando a presenza do instrumento galego en contextos culturais internacionais de primeiro nivel.

O estreo chega tamén nun momento especialmente destacado para o músico, que acaba de regresar de impartir un curso no centro nacional de folclore Halsway Manor, en Inglaterra. Durante esa estadía recibiu a noticia da nominación do seu último disco en dúo xunto a Benxamín Otero e á cantante india Vidya Shah aos premios da Academia da Música de España.

O traballo conta tamén coa colaboración dos músicos lucenses Noemí Basanta e Roberto Rodríguez, e constitúe un proxecto de diálogo cultural entre Galicia e India no marco do Ano Dual España-India.

0.30356693267822