Gómez Caamaño destaca o aumento de investimento en atención primaria

Salienta que das prazas de nova creación previstas para o vindeiro ano, 39 son de medicina familiar e comunitaria nos centros de saúde e puntos de atención continuada
gomez-caamano-conselleiro-sanidade
20 Oct 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño subliñou hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, que os Orzamentos da Xunta para o ano 2027 elevan o investimento en atención primaria un 6,1 %, acadando este nivel asistencial a cifra histórica de 1.854 millóns de euros.

As contas da administración autonómica para 2027 permitirán así crear xa 136 prazas das 644 comprometidas no Plan de reforma da atención primaria e comunitaria de Galicia 2026-2030.

O titular da carteira sanitaria compareceu hoxe no Pazo do Hórreo, a petición propia, para informar sobre este plan da Xunta, que conta cun investimento de 320 millóns de euros e que está destinado á transformación do primeiro nivel asistencial ao longo do período 2026-2030.

Entre esas 136 prazas previstas, 39 serán de medicina familiar e comunitaria nos centros de saúde e puntos de atención continuada e 8 para o reforzo da rede de psicoloxía clínica en primaria, que acadará o vindeiro ano os 36 profesionais.

Tal e como detallou o conselleiro, entre os principais obxectivos do plan está reducir a carga burocrática dos facultativos para incrementar o tempo dedicado aos pacientes, ademais de optimizar as axendas e ordenar a sobredemanda, xunto co reforzo do cadro de persoal.

Engadido ao anterior, a Xunta mellorará as condicións laborais e retributivas do persoal e dotará a atención primaria das infraestruturas, o equipamento e as ferramentas tecnolóxicas necesarias para garantir unha asistencia de máxima calidade.

Gómez Caamaño explicou que o plan, que considera unha das iniciativas sanitarias máis importantes da lexislatura, é froito dun proceso de escoita, análise, participación e negociación no que se tivo en conta aos profesionais, sociedades científicas e colectivos implicados. Ademais, os elementos esenciais foron abordados cos representantes sindicais na Mesa Sectorial de Sanidade.

Ámbitos de actuacións

O plan prevé catro ámbitos de actuación. O primeiro que abordou o conselleiro na súa intervención foi o reforzo da estrutura e da capacidade de xestión da atención primaria dentro do Sergas, para que gañe peso, autonomía de xestión e capacidade de resposta.

No que atinxe á organización das axendas, o Plan fixa axendas dun máximo de 30 actos asistenciais diarios no caso de medicina de familia e 25 en pediatría, incorporando unha parte flexible que será xestionada polo profesional.

O plan incorpora tempos de atención definidos na atención dos médicos de familia. Deste xeito, dunha xornada ordinaria de 420 minutos, 300 destinaranse á actividade asistencial directa, dos que 200 serán en citas a demanda do paciente, 90 de actividade programada (seguimento de crónicos, cirurxías menores, etc.) e 10 para receitas. O tempo restante dividirase en 100 minutos para formación continuada e investigación e 20 minutos para descanso.

Isto tradúcese en 20 citas a demanda de 10 minutos, 5 actos de xestión de receitas e 90 minutos de actividade programada, na que se reserva un mínimo de 5 ocos en axenda.

No que atinxe á pediatría, 140 minutos serán para citas a demanda do paciente, 60 para o programa do neno san, 92 de actividade programada e 8 minutos para receitas. En base a isto, faranse 14 citas a demanda de 10 minutos; 2 citas de receitas; 4 actos do programa de saúde infantil de 15 minutos e 92 minutos de actividade programada no que se reservan un mínimo de 5 ocos configurables. Esta organización garante a flexibilidade, posto que non todos os actos requiren o mesmo tempo nin teñen a mesma complexidade.

Para absorber a sobredemanda, activaranse axendas específicas fóra da xornada ordinaria do profesional. Terán carácter voluntario e a correspondente remuneración extraordinaria. Esta sobredemanda poderá ser asumida polo propio profesional, por outros membros do equipo, incluídos profesionais do PAC, ou por profesionais doutros centros ou servizos.

A Xunta está a probar o novo modelo de axendas nos centros de saúde Maristany de Ferrol e no de Cambre desde o pasado 5 de outubro; no de Allariz, no de Poio e no Fingoi, en Lugo, desde a semana pasada; e ten iniciando este mesmo luns o programa piloto no centro de saúde de Salceda de Caselas e no Centro Integral de Saúde de Lalín e comarca de Deza. O obxectivo é levar a cabo esta experiencia piloto nas próximas semanas a un total de 14 centros de saúde, dous por cada área sanitaria.

No que atinxe á atención nos PAC, a referencia é de ao redor de 30 asistencias por profesional nunha garda de 17 horas e, para xustificar unha nova dotación estrutural, valorarase unha sobredemanda sostida do 30 % tanto en laborables como festivos.

Novas prazas

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro desagregou as 644 novas prazas de profesionais que se crearán en 16 categorías ao abeiro do plan. Así, en medicina familiar e comunitaria crearanse 45 novas prazas nos centros de saúde e 18 nos puntos de atención continuada, ademais do reforzo doutras 100 prazas previstas nos PAC, unha vez que asumiron a atención os sábados pola mañá.

En pediatría crearanse 2 novas prazas e 47 en enfermería, das que 45 son de enfermería familiar e 2 de enfermería pediátrica.

Dado o carácter multiprofesional da reforma, tamén se reforzará a categoría de matronas con 45 novas prazas, 28 de podólogos e os psicólogos clínicos pasarán dos 28 actuais aos 50 en 2030.

A Xunta tamén creará 48 novas prazas de farmacia, 45 de fisioterapia, 27 de traballo social, 8 novos dietistas-nutricionistas ata acadar os 53 e reforzaranse os equipos de saúde bucodental tanto en odontoloxía como en hixiene bucodental, con 10 prazas para cada categoría. Tamén se reforza o persoal de servizos xerais e os técnicos de coidados auxiliares de enfermería.

O conselleiro remarcou que se trata da creación de novas prazas estruturais que se poderán complementar sempre que sexa preciso con reforzos conxunturais.

A Xunta destinará 21,5 millóns para a creación de prazas, aos que hai que sumar 10,3 do compromiso xa adquirido de incorporar 211 profesionais ata 2028 nos PAC, ligado á ampliación ás mañás dos sábados.

Gómez Caamaño referiu que a reforma vai acompañada dun modelo retributivo co obxectivo de que os cupos con maior complexidade e os postos asistenciais máis esixentes teñan un maior recoñecemento económico e, para tal fin, a Xunta fará un investimento inicial superior aos 10 millóns de euros.

Tamén durante a vixencia do Plan, o Goberno galego destinará ao abeiro do mesmo 278 millóns a infraestruturas, tecnoloxías e equipamentos.

Para concluír a súa intervención, o titular de Sanidade puxo en valor que o verdadeiro valor do plan estará nos resultados que produza na atención aos pacientes e á hora de facilitarlle o traballo aos profesionais, por iso haberá mecanismos de seguimento continuo para coñecer a súa evolución e introducir correccións cando sexa necesario.

0.34543991088867