Gómez Caamaño subliña que os orzamentos de Sanidade teñen como prioridade a redución das listas de espera

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe, no Pleno do Parlamento, que os orzamentos da Consellería de Sanidade superan por primeira vez os 6.000 millóns de euros, cun incremento do 6,35 % e coa redución das listas de espera como prioridade absoluta.
En resposta a unha interpelación dun dos grupos da Cámara, o titular de Sanidade amosou a súa preocupación polo efecto causado pola reforma do Estatuto Marco do Goberno central nos tempos de acceso á sanidade pública e, por iso, o Servizo Galego de Saúde está a actuar para reforzar a actividade asistencial e reducir as esperas.
Como consecuencia dos 25 días laborables da folga dos médicos do primeiro semestre do ano, en Galicia suspendéronse preto de 215.000 actos asistenciais. O conselleiro incidiu en que as folgas romperon unha evolución positiva no Servizo Galego de Saúde, onde non só se estaban a reducir os tempos senón que, ademais, se realizaba cada vez máis actividade.
Deste xeito, antes dos paros contra a reforma do Ministerio, a 30 de novembro do pasado ano, o Sergas levaba realizadas 4.263 intervencións máis que un ano antes e a demora cirúrxica era 1,1 días inferior.
Ante a sucesión de folgas, o conselleiro explicou que a primeira decisión do seu departamento foi preservar a atención de maior necesidade clínica. En consecuencia, no primeiro semestre deste ano realizáronse 18.096 intervencións urxentes, máis de 1.500 adicionais respecto do ano anterior. Ademais, a demora media das operacións de prioridade 1 foi de 22,2 días, por baixo da referencia de 30 días.
Xunto ao anterior, as vías rápidas por sospeita de cancro atenderon 14.570 pacientes, case un 8 % máis, cunha espera media de 6,6 días.
Estes resultados amosan, segundo referiu o conselleiro, que se primou e protexeu a atención prioritaria nun contexto de actividade programada interrompida. Aproveitou, nesta liña, para recoñecer o esforzo dos profesionais.
Como consecuencia dos paros médicos, o conselleiro detallou que o Servizo Galego de Saúde reorganizou as axendas e reprogramou a atención cancelada, compatibilizándoa cos novos procesos e coa súa prioridade clínica. Así mesmo, reforzáronse os servizos con maior demora e traballouse para incrementar a capacidade cirúrxica en xornada ordinaria de tarde.
A resposta do Sergas ante esta situación motivada pola folga está a combinar persoal, organización e medios. Recuperar as citas, aproveitar a capacidade dos centros e concentrar o reforzo onde existe máis presión, son decisións de xestión que o departamento sanitario galego está a tomar, tal e como explicou Gómez Caamaño.
O conselleiro remarcou que non se pode impoñer un Estatuto Marco do persoal sanitario que rexeitan frontalmente os médicos de toda España, e non se pode eludir o diálogo coas comunidades autónomas que xestionan o día a día da prestación sanitaria, tal e como está a facer o Goberno central.
Respecto da información dos datos de lista de espera, o máximo responsable do Sergas subliñou que a posición do seu departamento é rexistrar con rigor, informar con claridade e mellorar a asistencia, mantendo indicadores comparables. Así mesmo, amosouse a favor de calquera mellora do modelo de información que se aprobe de xeito consensuado.
Para concluír a súa intervención, reiterou que, cos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, o Goberno galego acredita o seu compromiso coa sanidade pública galega non só no seu propósito de reducir as listas de espera, agravadas polas folgas médicas contra o Estatuto Marco, senón, tamén, para seguir coa reforma da atención primaria, o desenvolvemento do novo Plan de Saúde Mental e co mantemento do calendario vacinal máis completo do mundo.
CONTESTACIÓN SOCIALISTA
Pola súa banda, o portavoz socialista de Sanidade, Julio Torrado, advertiu de que 425.942 persoas están á espera dunha cita hospitalaria en Galicia, unha cifra coa que cuestionou a xestión sanitaria do Goberno de Alfonso Rueda e do conselleiro de Sanidade, aos que atribuíu o “dubidoso récord” de seren “líderes históricos” en datos negativos.
Torrado cualificou a situación de “drama” e asegurou que “en Galicia nunca houbo tanta xente esperando tanto tempo”. Ademais, denunciou que hai pacientes con citas asignadas para dentro de seis, oito ou dez meses que non aparecen nas listas oficiais. Unha situación que, ao seu xuízo, evidencia que as listas de espera non reflicten a dimensión real do problema: “Todos sabemos que as listas están falseadas, e aínda así os datos son horribles”.
O deputado socialista incidiu en que o problema é acumulativo e que, lonxe de mellorar tras a pandemia, a situación é “peor que antes”. Aínda que recoñeceu que durante a crise da covid era imposible xestionar as listas con normalidade, criticou que, nos catro anos posteriores, os datos continuasen medrando sen que a Xunta adoptase medidas eficaces para frear esa evolución.
Neste sentido, cuestionou que o Goberno galego atribúa a situación á folga médica dos últimos meses, lembrando que o incremento das listas de espera xa se producía en 2023, 2024 e 2025. Tamén criticou a negativa da Xunta a negociar co persoal sanitario as xornadas extraordinarias, unha situación que está a provocar que se deixen de realizar peonadas.
Durante a súa intervención, Torrado formulou tres preguntas directas ao conselleiro: “É aceptable a situación das listas de espera? Que está facendo o Goberno galego para resolvela? Cre que está tendo efecto?”. O propio parlamentario respondeu cunha valoración contundente: “Ata o de agora, as respostas son: non, nada e non”.
O portavoz socialista advertiu de que, se a Xunta mantén a súa actual forma de actuar, as listas de espera seguirán empeorando. Ademais, acusou o Partido Popular de converter este problema nunha cuestión de interese electoral e ironizou sobre a actitude do conselleiro, ao que reprochou facer “un enorme esforzo por non deixarse contaminar pola verdade”.
Torrado tamén cuestionou que o Goberno galego empregue reiteradamente a folga médica como explicación do incremento das esperas, cando, segundo sinalou, esa folga non existía nos anos anteriores. “A vostedes, que os médicos e médicas pararan a folga, fastidiounos. Viñan sempre falar dunha folga que querían que seguise, porque se non, a quen lle van botar a culpa?”, criticou.
O deputado puxo tamén o foco nas vías rápidas, ao lembrar que as folgas dos facultativos relacionadas co estatuto marco non afectaban a estes procedementos. “Por que as listas de espera subiron aí tamén?”, preguntou, cuestionando así a explicación ofrecida pola Xunta sobre as causas do empeoramento dos datos.
Finalmente, Torrado reclamou ao conselleiro que aposte polo consenso e o diálogo para resolver o conflito arredor da autoconcertación sanitaria. Segundo denunciou, hai hospitais que permanecen parados polas tardes porque a Xunta non negocia cos profesionais as condicións das xornadas extraordinarias, o que impide realizar intervencións cirúrxicas.
“Estamos perdendo de facer operacións día tras día”, advertiu o portavoz socialista, que responsabilizou o Goberno galego da falta de avances na negociación e da ausencia de solucións a un problema que, segundo sostén, continúa agravándose.