Goretti Sanmartín encabeza a candidatura do BNG á cidade de Santiago

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación convencida de que “vai recibir o apoio maioritario dos veciños e veciñas de Compostela"
goretti-sanmartin-e-ana-ponton
22 May 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación de Goretti Sanmartín como candidata do BNG nas próximas eleccións municipais de 2027, acto no que se mostrou convencida de que “vai recibir o apoio maioritario dos veciños e veciñas de Compostela para continuar construíndo un Santiago en grande con máis forza que nunca”.

Pontón indicou que ese apoio maioritario ao proxecto que representa Sanmartín é o que necesita a cidade para seguir avanzando, dado que ten unha alcaldesa “coas ideas claras que vai na boa dirección”, fronte a unha “oposición corrosiva e destrutiva” que está poñendo “paus nas rodas” ao avance da cidade “por puro interese partidista”.

“Estou convencida de que Goretti Sanmartín vai recibir o apoio maioritario dos veciños e veciñas deste concello e, con ese apoio, poderemos poñerlle o turbo ao proxecto de progreso do BNG para esta cidade, fronte a unha oposición destrutiva que está empeñada en que Santiago fracase”, recalcou.

Unha oposición, afondou, que está instalada “no canto peor, mellor” porque pensa que esta posición lle pode dar réditos electorais, que “é cómplice da discriminación con esta cidade” e “desleal aos composteláns e compostelás porque aplaude cada vez que a Santiago se lle nega o pan e o sal”. “Unha oposición en contra de Santiago, que actúa como un auténtico inimigo de Compostela, unha oposición AntiSantiago”, sintetizou.

Fronte a esta oposición destrutiva, contrapuxo os logros do goberno liderado por Sanmartín en distintos ámbitos, demostrando que ten todo o necesario para dirixir unha cidade. “Demostrou liderado para facer avanzar Compostela, valentía para tomar decisións en asuntos de impacto como a vivenda, capacidade para resolver problemas enquistados e visión estratéxica para poder construír a cidade das próximas décadas”, destacou.

Neste sentido, afirmou que a rexedora “fixo máis en tres anos pola vivenda que o Goberno de Rueda en 17”, con medidas para controlar as vivendas de uso turístico ou logrando a declaración de zona tensionada para topar o prezo dos alugueres, nunha cidade no que o acceso á vivenda é moi complexo e onde hai sectores da poboación con moitas dificultades para logralo, como a mocidade e as persoas con menos recursos.

Pontón tamén remarcou a planificación estratéxica da alcaldesa para deseñar o Santiago do futuro, con actuacións na renovación da trama urbana no Ensanche e en todo o corredor central, avanzando “na humanización de espazos públicos e devolvéndollos á cidadanía”, e puxo en valor o traballo realizado para desenvolver un modelo turístico de calidade, respectuoso coa veciñanza, “o auténtico corazón da cidade”. Un modelo de turismo de calidade, indicou, no que cobra sentido o apoio ao comercio local, evitando a saturación de tendas de souvenirs que “lle quitan identidade á cidade”.

“Estas son algunhas pinceladas de tres anos moi intensos nos que Goretti Sanmartín demostrou liderado, valentía e capacidade para facer avanzar Santiago cunha folla de ruta clara e solvente para revitalizar esta cidade en todos os ámbitos”, resumiu, para remarcar a continuación que se algo demostrou a rexedora é que “pon ás persoas sempre no centro” e que a súa actuación estivo sempre guiada por facer o mellor para Santiago de Compostela”.

A líder do BNG tamén puxo poñer en valor o talante dunha alcaldesa “pegada á rúa”, coa que calquera veciño ou veciña pode falar porque, argumentou, “é unha desas persoas que coida dos demais”. “Bebe de todo o feminismo que nos di que a sororidade, a empatía, o diálogo e a busca de solucións compartidas é a liña na que temos que traballar”, resumiu, para reivindicar ese carácter dialogante como un valor fundamental na vida política na que, lamentou, se ve “tanta lameira, tanta furia e tanto insulto”.

A portavoz nacional aseguro que “Santiago non necesita bandazos, nin volver atrás”, senón un proxecto como o do Bloque, “con estabilidade e ambición”. “A estabilidade dun goberno do BNG que funciona e a ambición dun proxecto político que está pensado para construír Santiago en grande”, incidiu.

“Por iso, estou segura que a veciñanza desta cidade vai a dar un apoio maioritario a Goretti Sanmartín nas próximas eleccións municipais, catro anos máis para que esta cidade poida avanzar con paso firme e con máis forza que nunca”, concluíu.

0.3217089176178