Goretti Sanmartín recibe o voo inaugural Nova Iorque-Santiago apostando por un "sistema aeroportuario forte"

A rexedora compostelá salienta que a cidade contabilizou máis de 150.000 estadías de turistas dos Estados Unidos, o 10% do total das rexistradas no 2024
reapertura-aeroporto-santiago
28 May 2026

“Hoxe é un día de ledicia mais tamén supón un momento de responsabilidade colectiva en continuarmos traballando por un sistema aeroportuario forte, onde poidamos potenciar cada vez máis rutas con carácter internacional como esta, que é absolutamente fundamental” afirmou Goretti Sanmartín Rei durante a súa intervención no acto de recibimento do voo inaugural da ruta que une Santiago de Compostela con Nova York, no que participou acompañada da concelleira de Turismo, Míriam Louzao.

Cabe lembrar que, tras as obras que mantiveron o aeroporto pechado durante un mes, o Rosalía de Castro reabre hoxe e recibía por volta das 7:35h -con case 45 minutos de adianto sobre a hora prevista- o primeiro voo procedente de Nova York, operado por United Airlines. A pasaxe deste primeiro voo foi agasallada no propio aeroporto con material promocional de Turismo de Santiago.

A alcaldesa compostelá puxo en valor a importancia do traballo realizado por Turismo de Santiago para que durante a tempada de verán o Rosalía de Castro conte con 34 rutas aéreas, das que 17 son internacionais, sento as principais novidades as rutas a Nova York, Amsterdam, Cork e Marrakech. No caso concreto da ruta a Nova York, Goretti Sanmartín Rei lembrou que conecta directamente co mercado turístico máis importante para a cidade. Neste sentido, explicou que en 2024 Santiago de Compostela contabilizou máis de 150.000 estadías de turistas dos Estados Unidos, o 10% do total das estadías dese exercicio.

A rexedora tamén mencionou a importancia de contar “cunha conexión directa entre a capital do país e unha cidade como Nova York onde residen moitos galegos e moitas galegas, que agora terán un ruta con tres frecuencias semanais”. Tamén aproveitou para reiterar “o convite ao alcalde de Nova York, Zohran Mandami, a quen xa no seu momento felicitei de maneira persoal cando foi elixido e xustamente agora é un bo momento para reiterar o convite para falar de intereses en común, entre eles os numerosos galegos e galegas que están fóra”.

Goretti Sanmartín Rei agasallou ao representante de United Airlines, David Kinzelman, cun libro que recolle parte da obra de Rosalía de Castro, en homenaxe á poeta que dá nome ao aeroporto compostelán explicando que “Rosalía de Castro é un emblema indiscutible da nosa identidade cultural”. Tamén cualificou o propio aeroporto como unha “porta de entrada tanto a Compostela como a todo un país que ten moito que ofrecer no que se refire a cultura, lingua, patrimonio e gastronomía, que terán ocasión de probar e comprobar”. Por último, animou a todas as persoas visitantes a comprobar a condición de "Santiago de Compostela como cidade de acollida e hospitalaria e como destino que todo o mundo quere coñecer e ao que quere regresar”

Acompañando á tripulación e representantes de United Airlines, estiveron ademais de Goretti Sanmartín e Míriam Louzao, o director do aeroporto, Marcos Marcos Díaz, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e o delegado do Goberno, Pedro Blanco, así como persoal técnico de Turismo de Santiago.

0.33021402359009