Greenpeace alerta de 19 puntos críticos na costa galega polos efectos do cambio climático

Greenpeace identificou un total de 19 puntos críticos ao longo da costa galega nos que os efectos do cambio climático xa están a provocar importantes impactos ambientais e estruturais. A organización advirte de que a combinación da subida do nivel do mar, o aumento da temperatura da auga e a maior intensidade dos temporais invernais incrementa a vulnerabilidade do litoral galego e fai necesaria unha estratexia específica de conservación e adaptación.
Entre as zonas máis afectadas destaca a praia e o paseo do Con, no concello de Moaña, onde a forza do mar está a erosionar o pavimento e compromete a estabilidade desta infraestrutura costeira.
O informe tamén chama a atención sobre o que considera un preocupante quecemento das augas mariñas. Nas estacións científicas de Rande e Cortegada, situadas nas Rías Baixas, detectouse un incremento térmico de ata 1,8 graos por década. Ademais, o mar Cantábrico rexistrou no pasado mes de maio a súa primeira vaga de calor mariña, con temperaturas que chegaron a situarse ata seis graos por enriba da media habitual.
Segundo Greenpeace, este aumento da temperatura está a modificar os ecosistemas mariños, debilitando o afloramento das augas frías e profundas e provocando desprazamentos de numerosas especies. A Universidade de Vigo estima que un total de 63 especies xa se están a ver afectadas por esta situación, entre elas o congro, a ostra ou a vieira. Pola súa banda, estudos do IEO-CSIC conclúen que o incremento da temperatura tamén está a reducir o tamaño da pescada e advirten de que, se continúa a tendencia actual, a súa talla de reprodución podería diminuír entre catro e nove centímetros a finais de século.
O documento tamén recolle outras ameazas para os ecosistemas mariños, como a expansión da alga asiática, que ten un dos seus principais focos fronte ás Durmideiras, na Coruña, desde onde continúa avanzando cara a Oleiros e desprazando ás comunidades autóctonas de macroalgas atlánticas. A isto súmanse as mortaldades de bivalvos rexistradas este inverno na ría de Noia, atribuídas á forte diminución da salinidade provocada polas persistentes choivas de comezos de 2026.
No apartado dedicado aos temporais, Greenpeace lembra que os danos ocasionados polas borrascas obrigaron á declaración de zonas de emerxencia e á mobilización de fondos do Ministerio para a Transición Ecolóxica destinados á rexeneración artificial de areais como Praia América, en Nigrán. Tamén se rexistraron danos en edificacións situadas na primeira liña de costa en Miño.
A organización estima que as actuacións de reparación e rexeneración do litoral galego supuxeron este ano un investimento de 6,4 millóns de euros. Con todo, considera que este tipo de intervencións non resolven o problema a longo prazo, xa que consisten en achegas de area que acaban sendo arrastradas novamente polos temporais.
Greenpeace tamén advirte da presión que exerce o turismo sobre determinadas zonas costeiras, especialmente pola elevada concentración de escalas de grandes cruceiros nos portos da Coruña e Vigo, unha actividade que, ao seu xuízo, provoca saturación urbana sen repercutir de forma significativa na poboación local.
Por outra banda, o Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) publicou un informe no que conclúe que as emisións de contaminantes atmosféricos aumentaron en Galicia durante 2024. En concreto, os gases acidificantes incrementáronse un 1,2 %, os precursores do ozono un 6,5 % e as partículas finas PM2,5 un 19,7 %. Segundo o observatorio, a industria, o transporte, a maquinaria móbil e os incendios forestais foron os principais responsables deste aumento, aínda que tamén destaca que as emisións continúan por debaixo das rexistradas en 1990, se ben considera insuficiente a redución acadada ata o momento.