Guitiriz reunirá a máis de 80 relatores no II Foro Ultreia Galicia 2026 o día 3

O programa distribuirase en tres espazos e abordará cuestións como a bioeconomía forestal, a economía social, a innovación, o financiamento, o retorno ou a remuda xeracional
mobil-ordenador-tecnoloxia
28 Nov 2026

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración reunirá o vindeiro 3 de decembro en Guitiriz o ecosistema emprendedor galego no II Foro Ultreia Galicia 2026, emprendemento ligado ao territorio, unha cita que se desenvolverá no Iberik Gran Balneario de Guitiriz e que contará con tres espazos de traballo e máis de 80 relatores distribuídos en 15 sesións temáticas ao longo da xornada.

O encontro busca favorecer o intercambio de experiencias, impulsar novas vías de colaboración e poñer en valor a capacidade de Galicia para xerar oportunidades de emprendemento e desenvolvemento desde o territorio. Ademais, permitirá poñer en valor o traballo que se está a realizar ao abeiro da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia e as ferramentas transversais coas que xa conta a Comunidade, entre elas a Rede de polos.

As persoas interesadas neste foro poderán obter máis detalles na páxina web desta iniciativa, que tamén se poderán inscribir de xeito gratuíto.

O encontro incluirá mesas de debate, presentacións de experiencias e relatorios estruturadas arredor de tres espazos —Compartir, Conectar e Activar— que permitirán abordar diferentes dimensións do emprendemento territorial: desde a consolidación de empresas e a creación de valor a partir dos recursos propios ata a colaboración entre proxectos, a innovación e o acceso a ferramentas para avanzar.

A sala Compartir, baixo o lema Manter os eixos, concretar as oportunidades, centrará os seus contidos na creación de valor desde o territorio. Entre os temas que se abordarán figuran a construción de marcas para chegar ao mercado, os espazos compartidos como apoio ao emprendemento, o papel das empresas tractoras na creación de ecosistemas, o retorno e a posta en marcha de proxectos en Galicia, así como a bioeconomía forestal a través de Foresta Galicia.

Pola súa banda, a sala Conectar, dedicada a compartir experiencias e xerar conexións, abordará a economía social, a gastronomía como motor de desenvolvemento local, a colaboración entre empresas, provedores e comunidade, os proxectos dos Polos de emprendemento e a cooperación para innovar. Estes contidos permitirán coñecer iniciativas que parten de necesidades reais e que buscan xerar solucións compartidas e oportunidades no territorio.

A sala Activar, centrada en facilitar ferramentas e impulsar proxectos, tratará cuestións como as novas oportunidades nos sectores tradicionais, os instrumentos de financiamento, a remuda xeracional nas empresas e o papel das cooperativas na creación de valor local.

O foro contará coa participación de representantes de empresas, entidades e proxectos de diferentes ámbitos, que compartirán experiencias vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento territorial. Ademais, acollerá a presentación dos resultados do proxecto GEM da Universidade de Santiago de Compostela, que fai balance do contexto emprendedor en Galicia.

En paralelo, cómpre destacar que a xornada favorecerá tamén o intercambio de experiencias con representantes de diferentes territorios europeos, nunha liña de traballo que dá continuidade ao recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea en 2025. Entre os participantes internacionais figuran Sören Link, alcalde da cidade alemá de Duisburgo; e Vasile Asandei, director xeral da Axencia de Desenvolvemento Rexional do Noroeste de Romanía, as dúas recoñecidas como Rexión Emprendedora Europea 2027.

0.79264497756958