Hipócrita Teatro recupera a programación con dúas obras esta fin de semana
Hipócrita Teatro retoma a programación, no seu local da rúa Doutor Gasalla, con catro funcións para público adulto do Circuíto Galego de Teatro Amador promovido pola Fegatea co apoio da Consellería de Cultura.
Trátase de 4 pezas de teatro que exploran códigos e xéneros ben distintos, dende o drama á parodia pasando pola comedia. Todas as funcións terán lugar ás 19 horas e o prezo da entrada é de 3 euros. As entradas poden reservarse a través da web de Hipócrita.
Esta fin de semana terán lugar as dúas primeiras función. O grupo pontevedrés Porta Aberta abrirá o Circuíto o sábado 18 coa obra Get Back, unha peza de teatro contemporáneo da autoría de Diego Ameixeiras. En Get Back veremos como unha parada temporal do metro pode converterse nunha viaxe ao pasado das personaxes. Unha mirada no seu interior a situacións que desexan cambiar pero non o conseguían. Unha obra tremendamente actual para entreterse, escoitar, desfrutar e recoñecerse nunha das cinco vidas que se atopan no mesmo vagón da vida.
O domingo 19 actuará o grupo Axóuxere Teatro, de Oleiros, que porá en escena a peza Facendo as partixas, unha historia ambientada nos anos 80. Nanda Tasende e Paula Suárez, dirixidas por Alejandro Albaiceta, dan vida a dúas irmás que se reencontran despois de vinte anos para repartir a herdanza.
O Circuíto continuará os días 25 e 26 de setembro coa actuación doutras dúas compañías de teatro.