'Hoxe e o resto do mundo' consegue dous premios no Festival Internacional de Cine de Xixón

O documental 'Hoxe e o resto do mundo', primeira longametraxe de Cecilia Díaz Betz, foi recoñecido con dous galardóns na 64ª edición do Festival Internacional de Cine de Xixón (FICX): o Gran Premio do Público e o Premio Europa Film Festivals-Europa Joven. A película, producida por Matriuska Producciones, tivo a súa estrea mundial na sección Esbilla do certame asturiano.
A cinta achégase á historia de Isaac Díaz Pardo e Mimina Arias de Castro, fundadores do Laboratorio de Formas de Galicia e vinculados ao proxecto de Sargadelos. A través da mirada da súa neta, Cecilia Díaz Betz, reconstrúe a súa traxectoria vital e artística entre Galicia e o exilio, a partir dun amplo arquivo familiar, histórico e audiovisual.
O documental propón así unha viaxe pola memoria, a arte, o deseño e o pensamento humanista, recuperando unha parte fundamental da historia cultural galega e o legado de dúas figuras clave da creación e do compromiso social.
Tras a súa estrea en Xixón, 'Hoxe e o resto do mundo' pasou tamén por Cineuropa, en Santiago de Compostela, e polo Festival RIZOMA, en Madrid, ampliando o seu percorrido polo circuíto cinematográfico.
A película chegará ás salas comerciais o vindeiro xoves 3 de decembro, cun primeiro pase en Cines Cantones, na Coruña. Posteriormente, haberá varias proxeccións especiais en Galicia: os días 4, 5, 6 e 7 de decembro en Cines Viveiro e o 5 de decembro en NUMAX, en Santiago de Compostela.
Os dous recoñecementos obtidos en Xixón supoñen un importante impulso para o documental, que reivindica a vixencia do pensamento de Isaac Díaz Pardo e Mimina Arias de Castro e o seu legado construído desde a arte, a creación e o compromiso coa sociedade.
'Hoxe e o resto do mundo' é un documental de 93 minutos escrito e dirixido por Cecilia Díaz Betz e producido por Matriuska Producciones. Conta con Daniel Froiz na produción e Valente Paz-Andrade como produtor asociado. O equipo técnico inclúe a Alicia Francés na dirección de fotografía, Diana Toucedo na montaxe, Carmen Triñanes na dirección de arte e vestiario e Los Sara Fontán na música orixinal.
O filme conta co financiamento do ICAA e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), coa participación da Televisión de Galicia (CSAG) e co apoio á distribución da Deputación da Coruña. A distribución corre a cargo de La Machina.