Ibon Aranberri levará a Sarria a súa primeira exposición individual en Galicia

Sarria acollerá o vindeiro 5 de decembro a inauguración da primeira exposición individual en Galicia do artista vasco Ibon Aranberri, unha proposta organizada pola Asociación Cultural Huhú e comisariada por Susana González. O acto de apertura terá lugar ás 16:00 horas en A Sede, o espazo cultural que a entidade ten na vila.
A chegada de Aranberri a Sarria supón unha nova aposta de Huhú pola incorporación de creadores de recoñecida traxectoria ao panorama cultural da comarca. O artista, nacido en Itziar-Deba (Gipuzkoa) en 1969, é unha das figuras destacadas da arte contemporánea vasca e desenvolve un traballo que explora as relacións entre a arquitectura, o territorio, a paisaxe e a ideoloxía. Para iso, emprega diferentes linguaxes, como a escultura, a instalación, a fotografía e o traballo con arquivos.
A súa obra foi presentada en institucións e eventos internacionais como Documenta 12, en Kassel, o Museo Reina Sofía, o MACBA ou o Guggenheim Bilbao. Ademais, recibiu distintos recoñecementos, entre eles o Premio Fundación MACBA en 2024.
A súa relación con Galicia tamén conta cun antecedente destacado. En 2007 participou no proxecto de investigación artística "A trama rururbana", centrado na paisaxe galega e en cuestións como a transformación do territorio, o desenvolvemento urbanístico e os movementos de poboación. A iniciativa, que quedou interrompida en 2009, foi recuperada posteriormente polo artista como obxecto de investigación.