Impulsan o ensaio clínico que evalúa os beneficios da vacinación combinada fronte á gripe e a covid

A Xunta chama a participar no ensaio clínico Combogal, dirixido a avaliar a mellor estratexia de vacinación fronte á gripe e á covid nas persoas de 65 ou máis anos, que se iniciará este sábado 17 de outubro nos 14 hospitais públicos da comunidade.
Nos últimos días, enviáronse mensaxes SMS con información sobre esta iniciativa á poboación seleccionada, arredor de 730.000 persoas maiores de 65 anos.
O ensaio desenvolverase no marco da campaña ordinaria de vacinación, polo que na propia citación para acudir ao centro de saúde informarase tamén da posibilidade de desprazarse ao hospital para participar no estudo.
O obxectivo é comprobar se unha vacina combinada fronte á gripe e á covid reduce o risco de hospitalización, complicacións e morte asociadas a estas infeccións, en comparación coa administración simultánea dunha vacina antigripal de alta dose e outra fronte á covid en inxeccións separadas. A vacina combinada xa foi testada e autorizada, polo que o estudo busca determinar a estratexia de protección máis axeitada para a poboación maior.
As persoas interesadas en participar poderán reservar cita a través da aplicación Sergas Móbil ou no teléfono habilitado para este fin, o 900 842 217, que estará operativo de 10,00 a 20,00 horas.
Haberá ocos dispoñibles desde esta fin de semana e durante cinco fins de semana consecutivas nos 14 hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde.
Hospitais participantes
O ensaio desenvolverase nas sete áreas sanitarias, nos hospitais das sete cidades e nos hospitais comarcais. Os centros de vacinación serán os seguintes:
- Área sanitaria da Coruña e Cee: Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) e Hospital Virxe da Xunqueira.
- Área sanitaria de Ferrol: Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), no Hospital Arquitecto Marcide.
- Área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza: Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), no Hospital Clínico; e no Hospital da Barbanza.
- Área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos: Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), Hospital da Mariña e Hospital de Monforte.
- Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras: Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), no Hospital Santa María Nai, Hospital de Verín e Hospital de Valdeorras.
- Área sanitaria de Pontevedra e O Salnés: Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP), no Hospital Provincial, e no Hospital do Salnés.
- Área sanitaria de Vigo: Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), no Hospital Álvaro Cunqueiro.
A campaña de vacinación fronte á gripe e á covid comezou o pasado 28 de setembro nas residencias de maiores e nos centros sociosanitarios.
O pasado martes 13 iniciou tamén a vacinación dos profesionais sanitarios e a vacinación infantil nos centros de saúde e nos colexios que participan no proxecto piloto de vacinación antigripal escolar.
O vindeiro luns, 19 de outubro, estenderase ás persoas de 70 ou máis anos.
O calendario continuará o 2 de novembro coa vacinación das embarazadas e, a partir do día 9 dese mes, coas persoas de 60 ou máis anos.