Impulso á proxección exterior do teatro galego coa coproducción internacional 'A Gaivota, ensaio aberto'

A Xunta de Galicia dálle un novo pulo á proxección exterior das artes escénicas galegas coa coprodución internacional A gaivota, ensaio aberto, un proxecto do Centro Dramático Galego que reúne entidades teatrais de diferentes países e que iniciará este xoves 1 de outubro no Salón Teatro de Santiago de Compostela un percorrido que o levará por Europa e América. A montaxe, dirixida por Santiago Cortegoso e Neto Portela, parte do clásico de Antón Chejov para construír unha proposta contemporánea que sitúa as mulleres e as súas experiencias vitais e profesionais no centro da acción.
O espectáculo presentouse esta mañá no Salón Teatro e forma parte da temporada 2026-2027 da compañía pública da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e enmarcada, así mesmo, nas actividades do Xacobeo 2027. A súa realización é froito dunha colaboración internacional liderada polo Centro Dramático Galego coa implicación do Complejo Teatral de Buenos Aires - Teatro San Martín, Teatro El Galpón de Montevideo e INAE de Uruguai, Teatro Nacional Kven de Noruega, Teatro Nacional de Bautzen de Alemaña, Colectivo 84, Cena Lusófona, Cía Bonifrates e Centro Dramático de Évora de Portugal, Raiz di Polón de Cabo Verde, Institut Valencià de Cultura e a produtora galega Crémilo, entre outras entidades escénicas.
Así o detallou o director xeral de Cultura, Anxo M. Loreno, na rolda de prensa na que tamén interveu o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, xunto co equipo artístico de A gaivota, ensaio aberto.
A iniciativa establece, ademais, un modelo de colaboración que vai máis alá da circulación internacional. A proposta está concibida para incorporar actrices dos territorios que visite, de maneira que os papeis principais poidan ser asumidos por intérpretes locais e as súas propias experiencias pasen a formar parte da dramaturxia. Este formato permite que, partindo da súa concepción en Galicia, a montaxe se transforme en cada país e favoreza, ao tempo, o intercambio de experiencias artísticas e vitais entre profesionais de diferentes procedencias.
A gaivota, ensaio aberto propón unha revisión da obra de Antón Chejov a partir dunha situación teatral: na véspera da estrea, as dúas actrices protagonistas deben ser substituídas. Este imprevisto dá lugar a un ensaio aberto que acaba por converterse no propio espectáculo, no que os fragmentos do texto orixinal se entrelazan coas experiencias persoais das intérpretes e no que a realidade e a ficción se confunden diante do público.
A dirección e a dramaturxia corren a cargo do galego Santiago Cortegoso e do portugués Neto Portela, mentres que o elenco desta primeira versión está integrado por Déborah Vukušić, Mercedes Castro e Uxía Suevos. As tres intérpretes dan vida a Nina, Arkádina e a personaxe que Chejov identifica como a Moza, nunha proposta que aborda a posición das actrices dentro do teatro e das mulleres na sociedade, así como o paso do tempo, o amor e a creación artística.
A montaxe foi creada no marco das residencias ArtisTEA do Concello de Ponteareas e DescArtes da Cidade da Cultura de Galicia, e conta tamén coa colaboración do Padroado da Cultura de Narón e do Ministerio de Cultura de Cabo Verde.
Tras as catro funcións previstas no Salón Teatro de Santiago, do 1 ao 4 de outubro ás 18.00 horas, A gaivota, ensaio aberto iniciará a súa xira internacional no Uruguai, onde estará do 11 ao 15 de outubro no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas (FIDAE) e da colaboración co Teatro del Galpón. A seguinte parada será na Arxentina, do 23 ao 25 de outubro, en colaboración co Complejo Teatral de Buenos Aires-Teatro San Martín.
Ademais de visitar os teatros das entidades coprodutoras, a montaxe poderá verse tamén Romanía, Serbia como parte dun periplo ao que se están adherindo novos espazos e que, no primeiro trimestre de 2027, fará así mesmo escala en diferentes escenarios galegos.