Inaugurada a exposición do Museo de Pontevedra sobre José Freixanes

Percorre os últimos vinte anos de creación do artista pontevedrés, e inclúe a súa última obra, rematada semanas antes de falecer
exposicion-jose-freixanes-pontevedra
24 Jul 2026

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou hoxe no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a exposición ‘José Freixanes, eternos son os soños. Obra pictórica 2006-2025’. A mostra percorre os últimos vinte anos de creación do artista pontevedrés, falecido en novembro de 2025 e poderá visitarse ata o 27 de setembro.

A exposición inclúe 35 obras pictóricas de gran formato, en varios casos dípticos ou composicións de múltiples lenzos, chegando ata a súa última peza, un políptico que rematou semanas antes de falecer. Son as obras que rematou despois de realizar as intervencións efémeras ‘Al final del amanecer’ (Casablanca, 2006) e ‘Voces de basalto negro’ (Damasco, 2007). Ambas se volveron puntos de referencia constante para a súa obra posterior, tanto desde o punto de vista estilístico como conceptual.

Rafa Domínguez enxalzou a figura de José Freixanes, nacido en Pontevedra en 1953. Cando morreu a finais do ano pasado, xa estaba preparando esta exposición, que aínda que non foi concibida así inicialmente, agora podemos vela como unha homenaxe póstuma na súa cidade natal. “Convido a todos e a todas a achegarse ao Museo e coñecer a obra de José Freixanes, que quedará permanentemente na nosa historia”.

Pola súa parte, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, destacou que Freixanes “desenvolveu unha linguaxe absolutamente persoal, alimentada por unha curiosidade constante e por unha intensa vontade de diálogo con outras culturas”. O resultado das súas viaxes e investigacións é “unha pintura na que os signos, os tecidos, os encaixes, os papeis e os fíos se integran nunha linguaxe plástica propia. A materia convértese en memoria; a escritura deixa de ser só un medio de comunicación para transformarse nun elemento visual cargado de emoción e significado. Cada obra propón un diálogo entre Oriente e Occidente, entre tradición e modernidade, entre materia e espírito”.

Na mostra figuran obras de de series como Eclipse lunar, Feito e des-feito, Comportamentos ou Fíos, testemuños dunha vida que se desenvolve a xeito de viaxe no tempo e no espazo. Os cadros da exposición non están concibidos como obxectos illados, senón como parte dunha polifonía a través da que se nos invita a revisar algúns dos paradigmas que sustentan a sociedade contemporánea. Con actitude curiosa ante o alleo e insubmisa fronte aos prexuízos, as creacións de Freixanes caracterízanse por un desexo de entender ao “outro” e por unha procura constante do afastado, que tamén implica esa experiencia singular do retorno a un mesmo.

A mostra evidencia tamén a súa paixón pola artesanía e a conexión entre pintar, escribir e coser en canto xestos íntimos que posibilitan novos universos a partir da nosa capacidade innata para soñar. A través do fío e unha excepcional habilidade para transformar a memoria das tradicións populares como ferramentas poderosas de creación, o artista galego xerou unha nova forma de escritura, singular e misteriosa, coa que profunda nun xogo metafórico sobre o comportamento humano e en conceptos vencellados coa diversidade, a diferenza e a globalización.

O Museo organiza visitas guiadas á exposición a cargo do equipo de Educación do Museo, todos os domingos ás 12:00 horas a partir do 2 de agosto. A primeira desas visitas, o 2 de agosto, estará guiada polo comisario, Xosé Luis García Canido. Todas as visitas son de balde e requiren inscrición previa a través da web do museo: museo.depo.gal.

Ademais, en setembro desenvolveranse dúas xornadas arredor da figura de José Freixanes. A primeira será o xoves 3 de setembro, cunha intervención inicial do escritor Víctor F. Freixanes, irmán do artista. Seguiraa unha mesa redonda na que, ademais de Víctor Freixanes, participarán Asunta Rodríguez, directora da galería Trinta e a crítica de arte Mercedes Rozas, coa moderación de Xosé Luis García Canido. Pechará as actividades paralelas á exposición un recital poético o venres 25 de setembro, a cargo de Alberto Avendaño, que publicara en 2023 xunto a Xosé Freixanes o libro ‘Bueno carallo bueno’, no que dialogaban a poesía dun e a pintura do outro.

0.33409714698792