Inaugurada a primeira fase da reforma da rúa Augusto González Besada e do paseo da Corredera en Tui

Tui
A actuación, cun investimento de preto de 1,2 millóns de euros, mellora a accesibilidade e prioriza o espazo peonil no centro urbano
rúa-Augusto-González-Besada-e-paseo-de-Tui
20 Jun 2026

O Concello de Tui vén de inaugurar a primeira fase da reforma da rúa Augusto González Besada e do paseo da Corredera, unha actuación impulsada pola Deputación de Pontevedra que supón unha transformación significativa destes espazos urbanos.

A intervención contou cun investimento próximo aos 1,2 millóns de euros, dos que arredor de 1,1 millóns foron achegados pola institución provincial a través de diferentes plans de financiamento. En concreto, preto de 800.000 euros proceden do Plan PON2030 e uns 260.000 euros do Plan +Provincia, o que supón arredor do 91% do custo total da obra. A inauguración contou coa presenza do deputado provincial Pablo Castillo.

Castillo destacou que esta actuación exemplifica a capacidade dos recursos públicos para crear espazos pensados para as persoas, mellorando a calidade de vida e fomentando ámbitos urbanos máis accesibles e habitables. Subliñou tamén a aposta da Deputación por unha política municipalista, centrada no apoio aos concellos da provincia.

A obra desenvolveuse na rúa Augusto González Besada, un dos principais accesos ao centro histórico de Tui, onde se detectaba unha importante limitación de espazo para o tránsito peonil. A través da reforma, habilitouse unha plataforma única con prioridade peonil, mellorando a accesibilidade e convertendo a vía nun espazo máis cómodo e atractivo para o paseo.

Ademais, reorganizáronse os usos do espazo, combinando zonas de estacionamento con áreas de estancia e vexetación, incluíndo a plantación de árbores.

As actuacións estendéronse tamén á rúa transversal de Rosa Bahamonde, onde se ampliaron as beirarrúas e se reduciu o ancho da calzada, así como ao tramo sur e ao lado oeste do paseo da Corredera. Neste espazo renovouse o pavimento, substituíndo o adoquinado destinado ao estacionamento por lousa de granito, co obxectivo de unificar a estética e mellorar a integración urbana.

0.35909509658813