Inaugurado o xardín botánico de Caldas de Reis, financiado polo Goberno central

O subdelegado destacou o “talento” dos concellos que logran captar fondos estatais en convocatorias competitivas con proxectos de calidade
inauguracion-xardin-botanico-caldas-de-reis
29 May 2026

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, participou hoxe no acto de inauguración do proxecto “Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis. Museo Aberto 24/7”, unha actuación financiada polo Goberno de España ao abeiro do Programa de Dinamización do Patrimonio Histórico con uso turístico, con fondos europeos do Plan de Recuperación.

O proxecto desenvolvido en Caldas de Reis contou cun investimento de 1.452.000 euros procedentes do Ministerio de Industria e Turismo e foi un dos dous únicos seleccionados na provincia de Pontevedra nesta convocatoria estatal de 2023. A outra actuación beneficiaria foi a mellora do Castelo de Soutomaior, promovida pola Deputación de Pontevedra, cunha achega de 2,51 millóns de euros.

Durante a súa intervención, o subdelegado puxo en valor o impacto municipal dos fondos europeos xestionados polo Goberno e destacou especialmente “o talento e a capacidade dos municipios como o de Caldas, que presentan proxectos sólidos, competitivos e transformadores para captar financiamento estatal”.

Losada salientou que esta convocatoria responde a un modelo de colaboración institucional baseado en regras comúns, transparencia e concorrencia competitiva, afastado de fórmulas de asignación singularizada, como os convenios bilaterais. “Os proxectos seleccionados obtiveron financiamento pola súa calidade técnica, a súa viabilidade e o seu potencial de transformación, competindo en igualdade de condicións con iniciativas procedentes de todo o territorio estatal”, incidiu.

O novo espazo, concibido como un museo aberto, incorpora actuacións de recuperación paisaxística e patrimonial, ferramentas dixitais e contidos inmersivos que permitirán ampliar a experiencia das persoas visitantes mediante recursos tecnolóxicos accesibles durante todo o día.

Así mesmo, o subdelegado felicitou á veciñanza de Caldas “por apostar pola posta en valor dun dos espazos máis emblemáticos e identitarios do municipio” e subliñou que actuacións deste tipo “contribúen a conservar o patrimonio, fortalecer a oferta turística e dinamizar economicamente os territorios”.

Losada tamén reivindicou os investimentos do Goberno nas infraestruturas viarias do municipio, destacando especialmente as actuacións de mellora da N-550 e da N-640, nesta última cunha pavimentación integral “que xa é visible e que supón a maior intervención realizada nestas estradas en décadas”.

Finalmente, incidiu en que o Goberno de España “segue demostrando cunha xestión útil e próxima que os fondos que xestiona chegan aos concellos, melloran os servizos públicos e contribúen á transformación real dos territorios”.

0.32741093635559