Intersección leva á Fundación Luis Seoane dúas exposicións sobre creación audiovisual contemporánea

‘Órbita galega’ e ‘Fulgor’ reunen desde o mércores obras de dez artistas arredor da imaxe en movemento e poderán visitarse de balde ata o 27 de outubro
A CORUÑA fundación luis seoane
27 Sep 2026

O Festival Internacional de Cine da Coruña, Intersección, inaugurará este mércores, 30 de setembro, dúas exposicións na Fundación Luis Seoane. O acto de apertura de ‘Órbita galega’ e ‘Fulgor’ terá lugar ás 13.00 horas e contará coa presenza de varias das artistas participantes e das comisarias das mostras.

As exposicións forman parte da programación da novena edición de Intersección, que se desenvolverá do 13 ao 17 de outubro. A través destas dúas propostas, o festival explora a relación entre o cinema e outras formas de creación vinculadas á imaxe en movemento.

No acto de inauguración participarán as artistas Area Erina, María X. Fernández, Jesu Moratiel, Pilar Marcó, Carlota Flora, Carla Agustiño, Sara Ricoy e Cristina Souto, ademais das comisarias Sara Donoso e Laura Piñeiro.

‘Órbita galega’, comisariada por Sara Donoso, reúne traballos de Pablo Agma, Area Erina, María X. Fernández, Pilar Marcó Padín, Jesu Moratiel e Xosé Luis Otero. A exposición intégrase na sección competitiva Galicia de Intersección e incorpora formatos que amplían a exhibición cinematográfica tradicional, como a videoinstalación, o Super 8, a creación dixital, a proxección ou a intervención sobre diferentes materiais.

As seis propostas abordan cuestións relacionadas coa transformación e a transitoriedade da materia, os vínculos entre territorio, corpo e memoria e os mecanismos que inflúen na percepción.

Pola súa banda, ‘Fulgor’, baixo o comisariado de Laura Piñeiro, presenta o traballo de catro artistas que investigan distintas maneiras de mirar, construír e habitar a imaxe. As obras parten de cuestións como a memoria, a percepción, a vixilancia ou a relación coa materia e propoñen entender a imaxe como un espazo de experiencia e transformación.

A mostra inclúe ‘Morea’, de Carla Agustiño Soto; ‘Lo que el aire recuerda’, de Carlota Flora; ‘Mirar el agu’, de Cristina Souto; e ‘De vigilante a vigía’, de Sara Ricoy Rajoy.

As dúas exposicións poderán visitarse gratuitamente na Fundación Luis Seoane desde o 30 de setembro ata o 27 de outubro. O horario de apertura será de martes a domingo, de 11.00 a 15.00 e de 17.00 a 21.00 horas, mentres que os luns permanecerán pechadas.

0.34337091445923