Investigadores da UVigo estudan se as tartarugas formaban parte da dieta humana hai 40.000 anos

Os investigadores Iván Rey Rodríguez e Sara Varela González, do grupo MapasLab do CIM da Universidade de Vigo, analizan a abundancia de restos de tartarugas terrestres atopados na cova de Kiik Kamar, en Uzbekistán, para determinar se formaban parte da alimentación das poboacións humanas que habitaron o xacemento hai entre 42.000 e 40.000 anos.
Os restos foron recuperados durante as escavacións do nivel 5A da cova, onde os investigadores atoparon tamén pequenos mamíferos, aves, anfibios e outros réptiles. A gran cantidade de restos de tartarugas chamou especialmente a atención do equipo, que busca determinar se chegaron ao lugar por causas naturais, se foron acumulados por outros animais ou se foron consumidos polos grupos humanos que ocuparon a cova.
«Temos que estudar os restos con detalle, analizar a súa conservación e buscar posibles evidencias de manipulación humana, como marcas de corte ou alteracións relacionadas coa preparación e o consumo», explica o investigador posdoutoral do CIM Iván Rey. Polo momento, trátase dunha hipótese que a investigación pretende comprobar, pero a abundancia destes restos converte esta cuestión nunha das liñas de estudo máis interesantes do xacemento.
Kiik Kamar, situada no corazón de Asia Central, nun corredor natural entre o Próximo Oriente, Europa e o interior de Asia, permaneceu intacta ata 2024, cando comezaron as escavacións baixo a dirección da arqueóloga Malgorzata Kot, da Universidade de Varsovia. Dous anos despois, no marco do proxecto ERC Inasia, identificáronse nove niveis arqueolóxicos.
Entre eles destaca o nivel 5A, que conserva industria lítica, fauna e estruturas de combustión que evidencian a presenza reiterada de grupos humanos no interior da cova.
A investigación busca contribuír ao estudo dun dos debates centrais da evolución humana: a orixe e expansión das tecnoloxías do Paleolítico Superior inicial. Estas industrias asociáronse tradicionalmente coa expansión do Homo sapiens por Eurasia, aínda que en Asia Central se identificaron conxuntos con características semellantes e cronoloxías máis antigas do esperado.
Durante este período, Asia estivo habitada por distintas poboacións humanas, entre elas Homo sapiens, neandertais e denisovanos. Porén, continúa sendo difícil relacionar cada grupo cunha tecnoloxía concreta. «Unha ferramenta non conserva por si mesma a identidade de quen a fabricou», lembra Iván Rey.
O estudo permitirá avaliar se as innovacións tecnolóxicas relacionadas co Paleolítico Superior xurdiron en Asia Central e se desprazaron cara a Europa, se seguiron o camiño inverso ou se se desenvolveron e compartiron entre distintas poboacións humanas. Ademais, contribuirá a determinar se a rexión funcionou unicamente como corredor migratorio ou desempeñou un papel propio na aparición de novos comportamentos.
Os pequenos vertebrados permiten reconstruír a paisaxe do pasado
O traballo dos investigadores da UVigo céntrase no estudo dos restos de pequenos vertebrados recuperados durante as escavacións. Estes materiais resultan especialmente útiles para reconstruír os ambientes do pasado, xa que moitas especies presentan referencias ecolóxicas e climáticas concretas.
Os sedimentos arqueolóxicos lávanse e peneíranse para recuperar restos de pequeno tamaño, moitas veces de apenas uns milímetros. Posteriormente, no laboratorio, sepáranse os restos óseos, identifícanse os grupos animais e estúdanse as súas características anatómicas para reconstruír aspectos como a temperatura, as precipitacións ou o tipo de paisaxe existente no momento en que se depositaron.
O equipo tamén está a aplicar técnicas de microtomografía, que permiten estudar en tres dimensións as estruturas internas e externas dos ósos e dentes sen danar os fósiles.
Iván Rey incorporouse ao proxecto o ano pasado, despois de que Malgorzata Kot contactase con el pola súa experiencia no estudo de pequenos vertebrados de xacementos paleolíticos de Irán. Sara Varela González incorporouse ao equipo este ano. O traballo conta con financiamento da Fundación Palarq.na cova de Kiik Kamar (Uzbekistán)
Os investigadores da UVigo regresarán a Uzbekistán en maio de 2027 para continuar co estudo dos materiais, que permanecen no país. Mentres tanto, están a utilizar as fotografías tomadas durante as campañas para avanzar na identificación dos restos de pequenos vertebrados.
O equipo prevé ampliar a superficie escavada nas próximas campañas e continuar cara aos niveis inferiores da cova, co obxectivo de coñecer a antigüidade da secuencia arqueolóxica e comprobar como evolucionaron ao longo do tempo a tecnoloxía, a subsistencia e o uso do xacemento.
O acceso á cova require desprazarse durante uns 20 minutos en coche por camiños sen asfaltar e camiñar aproximadamente outros 15 minutos ata chegar ao lugar da escavación, onde os investigadores permanecen acampados durante as campañas.
Iván Rey e Sara Varela, xunto con Malgorzata Kot, publicaron recentemente un artigo sobre a súa experiencia no xacemento na revista National Geographic, no que dan conta do traballo desenvolvido neste enclave arqueolóxico de Asia Central.