Investigadores do IDIS e da UVigo establecen un marco metodolóxico para determinar áreas de lonxevidade extrema

O traballo inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos adicionais para poder demostrar a existencia destas zonas
investigadores-lonxevidade-extrema
5 Oct 2026

Os investigadores do IDIS Alberto Ruano Raviña, Mónica Pérez Ríos e Guadalupe García, tamén docentes da USC e membros de CRETUS, acaban de publicar en Aging and Disease, unha prestixiosa revista internacional, cales deben ser os requisitos para que unha zona xeográfica sexa identificada como de lonxevidade extrema, enfocada á poboación que supera os 100 anos. O traballo, titulado Extreme Longevity Areas: Redefining the Need for A Transparent and Standardized Framework, foi realizado en colaboración cos investigadores José María Faílde e María Dolores Dapía, do grupo Long-Aging da Universidade de Vigo.

Ata agora, a identificación destas áreas centrábase exclusivamente na valoración do número de centenarios respecto ás persoas nacidas nun determinado período nese lugar e comparalas fronte ás zonas limítrofes. Porén, este modelo foi criticado por algúns autores.

Esta investigación pon de manifesto que son necesarios parámetros demográficos e epidemiolóxicos adicionais para poder demostrar a existencia destas zonas. Entre eles, está a análise necesaria que permita medir se tamén existe un exceso de nonaxenarios, o uso doutras fontes de información adicionais aos rexistros poboacionais, como poden ser as historias clínicas electrónicas, e unha definición precisa do cálculo de lonxevidade extrema.

Tamén propón este estudo que estas zonas deben monitorizarse periodicamente pois a condición de “área de lonxevidade extrema” pode perderse polos movementos demográficos ou cambios no estilo de vida, como por exemplo nos patróns alimentarios, algo que xa se puxo de manifesto en Okinawa, Xapón. Un aspecto relevante é que se trata de fuxir do concepto de zona azul (Blue Zone) vinculado con marcas comerciais, para considerar outro máis académico como é o de área de lonxevidade extrema.

Este estudo continúa investigacións previas deste grupo nas que revisaron as características comúns das zonas identificadas como de lonxevidade extrema (latitude, clima, orografía ou patróns alimentarios (Aging and Disease 2025).

0.36889410018921