Investiranse en Cenlle preto de 580.000 euros en renovar o abastecemento e saneamento de auga na parroquia de Laias

A Xunta de Galicia e o Concello de Cenlle investirán uns 580.000 euros na renovación das infraestruturas de abastecemento e saneamento de auga da parroquia de Laias, tras a sinatura dun convenio de colaboración entre a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da localidade, Rebeca Sotelo.
A conselleira indicou que renovar a rede de abastecemento resulta especialmente relevante nun contexto marcado polo cambio climático, onde as choivas cada vez máis irregulares fan necesario un uso máis responsable da auga que evite perdas. Nesta liña, destacou a Cenlle como exemplo de boa xestión, xa que o propio concello realizou unha auditoría da súa rede que puxo de manifesto a necesidade de renovala para asegurar o subministro en cantidade e calidade suficientes.
En concreto, cambiarase a actual tubaxe de PVC —que sofre roturas e fugas frecuentes— por outra de polietileno, ademais de instalar novos elementos como chaves de corte, bocas de rega e ventosas. Tamén se executarán 48 ramais de conexión a vivendas.
En canto ao saneamento, renovaranse máis de 415 metros de tubaxe no tramo paralelo á estrada N-120, xunto con 23 ramais de conexión domiciliaria. Estas obras mellorarán o funcionamento da rede, reducindo os vertidos e ampliando a cobertura a máis veciños. Ademais, aproveitarase a intervención para instalar unha canalización auxiliar pensada para o futuro soterramento do tendido eléctrico.
Segundo explicou a conselleira, esta actuación beneficiará a uns 200 habitantes e está financiada nun 80 % pola Xunta, mentres que o 20 % restante corre a cargo do Concello de Cenlle.
Vázquez lembrou ademais que esta obra forma parte dun conxunto de 31 actuacións de abastecemento, saneamento e depuración impulsadas por Augas de Galicia para reforzar os servizos hidráulicos no ámbito rural, cun orzamento superior aos 27,7 millóns de euros dentro do Plan estratéxico da PAC 2023-2027. Este convenio, sinalou, súmase ao apoio técnico e económico que a Xunta ofrece dende hai anos aos concellos para que xestionen de forma máis eficiente as súas competencias en materia de auga.